Aquí aínda hai homes que desvisten as sobreiras
e esfolan as maus no corredor das moitas noites
que non cesan de cadrar a mentira e a espera
Aquí aínda hai mulleres que zurcen todo o río
antigo da consolación e aman a esperanza
cos andares fermosos da mañá de xaneiro
E cante o carro o canto alegre da historia nosa
Os actos de homenaxe, que nos levaron á Terra de Melide, tiveron lugar o sábado 7 de xuño, a partir das 11:30 da mañá e conforme o programa de actos que se pode ver aquí.
A Aelg entregou a súa “Letra E” ao escritor XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR, durante a Homenaxe “O Escritor na súa Terra”
A filosofía da homenaxe é a de honrar escritores e escritoras cunha dilatada carreira literaria que suscite o consenso de todos en canto á súa valía.
Quere ser unha homenaxe que goce da presenza do homenaxeado/a contando coa súa implicación persoal durante a organización. Busca tamén a complicidade dos veciños e autoridades locais da que o escritor/a considera a súa terra, neste caso a Terra de Melide.
“O Escritor na súa Terra”, título xenérico desta homenaxe, implica, máis alá da entrega da “Letra E” (e de escritor) a consideración do homenaxeado como Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Comezaron ás 11.30 nos Xardíns da Capela de San Roque, coa instalación dun monólito cun texto escollido polo autor
e a plantación dun buxo.
Vexa aquí o discurso do presidente da Aelg
A seguir, nun acto que contou coa intervención da Alcaldesa de Melide, Dona Socorro Cea, e da Secretaria Xeral da Aelg, Mercedes Queixas Zas, a Biblioteca Pública Municipal pasou a se chamar "Xosé Vázquez Pintor".
Desde alí o programa desprazouse á Casa do Concello, onde ás 13.30, no seu salón de plenos, tivo lugar a lectura da acta de concesión da homenaxe e mais a laudatio ao amigo Pintor, a cargo do Profesor Ramón Caride Ogando, a resposta do homenaxeado e mais a entrega da “Letra E”, peza escultórica deseñada polo artista Silverio Rivas.
Vexa aquí as palabras do presidente da Aelg
Finalmente houbo un xantar de confraternidade no restaurante “Sony” da capital melidense, que contou coa presenza de 160 amigos e amigas do autor, e onde se leron as adhesións á homenaxe..
Os monólitos, placas, árbores e lugares "bautizados" co nome de escritores/as (Xosé Vázquez Pintor é o décimo cuarto homenaxeado) pretenden ser un legado, un patrimonio de todos e todas que deixe constancia da memoria que o pobo ten dos seus escritores como abandeirados na defensa da súa cultura e lingua.
A Aelg quere así agradecer ás cidades, vilas e aldeas do noso país que os escritores/as consideran súas o que elas fixeron por todos nós a través dos seus fillos escritores e escritoras.
"Xosé Vázquez Pintor é home polifacético: autor e director de teatro, columnista, animador cultural, poeta, narrador, ensaísta e mesmo comentarista deportivo, mestre e animador cultural e vital.
O amor ás palabras e ás paisaxes e os homes e mulleres do común inzan os seus poemarios dende os iniciáticos Gándaras (1971) ou Terra e Pan (1975), ata as obras de madureza que son Rotación violeta (1996) e Banzados (2000), libros esenciais na poesía galega.
É Pintor tamén home de prodixiosos recursos narrativos, en obras como a coñecida A memoria do boi (2000) ou a recente Para dicir Abril (2008). Tamén son excepcionais pezas narrativas os ensaios antropolóxicos, recreacións míticas e testemuños da súa triloxía Os vellos oficios, consagrada aos mesteres e saberes tradicionais de Galiza."