Do 28 de outubro de 2011 ao 29 de outubro de 2011
Curso en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, para profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Foto da actividade

 Vexa aquí as actas das xornadas.

 

 

Entidade convocante: ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA (en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega)

Denominación da actividade: IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral “Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos”.

Modalidade formativa: Curso

Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011

Horario: Venres 28, de 17.00 a 21.00; sábado 29, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.00

Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo)

Valoración en horas de formación: 10

Número de prazas: 100

Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.

Custo de matrícula: Gratuíta

Criterios de selección:

Por rigorosa orde de inscrición en

http://www.as-pg.com/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=326

tendo preferencia os socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da orde de 1 de marzo de 2007.

Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir ás xornadas e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.

 

Programa

 

 Venres, 28 de outubro

 
17.00 h.- Recepción e entrega de documentación
17.10 h.- Acto de inauguración.
17:15 h.- Conferencia:
O visguento unto da calumnia: boticarios e sacamanteigas
Luis Giadás
18:30 h.- Conferencia:
As lendas urbanas, a distorsión da realidade e a creación do imaxinario máxico
Xosé Miranda
De 20:00 a 21:00 h.- Mesa redonda:
Urbanas? Modernas? Contemporáneas?
Participan: Luis Giadás e Xosé Miranda
Modera: Isidro Novo
 
Sábado, 29 de novembro
 
10:00 h.- Conferencia:
O roubo de órganos nas tendas de chineses en Portugal
José Joaquim Dias Marques
11:30 h.- Conferencia:
Izena izana baino lehen ukan (Todo canto se di, acontece)
Fito Rodríguez
De 13:00 a 14:00 h.- Mesa redonda
De boca en boca: o rumor como arma contra os outros
Participan: José Joaquim Dias Marques e Fito Rodríguez
Modera: Antonio Reigosa
 
16:30 h. a 18:30 h.- Obradoiro  de narración oral:
Narración e representación de diferentes tipos de lendas urbanas
Celso Fernández Sanmartín
 

 


O noso país non é alleo á moda das lendas urbanas, un fenómeno popular universal cuxa difusión se multiplicou enormemente a través da televisión, radio, xornais e revistas, literatura, cine, cómic e, sobre todo a través de internet, o gran altofalante deste tipo de relatos.

As lendas urbanas, a pesar de chamárense tamén modernas ou contemporáneas son, sen embargo, como todas as demais lendas, narracións breves que refiren sucedidos sorprendentes ou raros, xeralmente de carácter extraordinario ou sobrenatural e tamén foron transmitidas tradicionalmente por vía oral, aínda que agora se difundan case exclusivamente en soporte impreso, audiovisual ou virtual.

Para ter éxito e perdurar na cadea de transmisión,  sexa oral ou calquera outra, o sucedido que se narra ten que ser crible tanto para quen conta como para quen escoita. A credibilidade das lendas, acreditar na posibilidade de que o narrado poida ser considerado a crónica dun suceso real, susténtase na súa localización nun entorno xeográfico e na identificación dos personaxes que a protagonizan, que deben ser “coñecidos” e ter relación co pasado próximo ou co presente do narrador (parente, curmán, veciño…). Só hai algúns matices que distinguen as lendas urbanas das tradicionais: o tempo e a localización.  Mentres que as demais lendas soen referirse a un pasado, incluso remoto, as lendas urbanas sitúanse sempre nun tempo actual ou moi recente, e as localizacións (estradas, discotecas, tendas, coches, hoteis, avións…) son edificios, lugares ou aparellos actuais.

Velaí, pois, a única diferenza existente entre as chamadas lendas urbanas, modernas ou contemporáneas, e o resto das lendas: a súa capacidade para reubicarse xeograficamente e para actualizarse, para espirse do anacrónico nas sucesivas transmisións e reforzar aínda máis a súa credibilidade.  E rexeitemos, xa de paso, ese tópico que relaciona a cultura popular en exclusividade co mundo rural, cos vellos e as vellas como únicos gardadores dese saber, cando a realidade nos di que tamén no mundo urbano, e entre a xente nova, se fai uso destas ficcións aínda que as clasifiquemos como urbanas, modernas ou contemporáneas para distinguilas das outras.

Este, e non outro, é o segredo do éxito e da popularidade das lendas urbanas, na maioría dos casos, tan antigas coma todas. Agás a súa capacidade intrínseca para actualizarse, nada mudou nos seus núcleos narrativos nin na esencia da ficción.


 

Orixe dalgunhas lendas urbanas 

 A orixe das lendas urbanas soe ser, como o das demais lendas, moi recuado aínda que todas son, necesariamente, contemporáneas. 

·       Sorprende descubrir que lendas tan aparentemente actuais como  A moza da curva ou A autoestopista pantasma  teñan precedentes na Iliada,  na Odisea, ou nos relatos mitolóxicos e haxiográficos que describen conducións de almas entre este e o Outro Mundo.  

·       A historia do mozo que descobre ao día seguinte, logo de pasar a noite cunha moza nunha discoteca, e de levala á casa no seu coche, que esa moza xa levaba un ano morta (encontro amoroso ou sexual entre un vivo e unha pantasma), ten precedentes na literatura chinesa dos primeiros séculos desta era. 

·       Verónica, a pantasma que se aparece de noite nos espellos, as historias da güija que todos practicamos algunha vez por ver de comunicarnos con supostos espíritos, ou as referidas a vampiros, ladróns de órganos, menciñas feitas  coa graxa, sangue, pel, cabelo ou vísceras humanas, todas teñen na literatura medieval e moderna correspondencias sorprendentes.

 

O rumor: a semente da lendas urbanas

A lenda urbana é un rumor elaborado a partir dunha invención. Do rumor nacen sospeitosos ou presuntos delincuentes, nacen pretendidas aparicións milagrosas de santos, santas e virxes que de cando en cando enchen páxinas de xornais e horas de televisión.

Do rumor que se acomoda nunha tradición nace a lenda; e se esa lenda se actualiza e moderniza pasa a formar parte do que chamamos lendas urbanas, modernas ou contemporáneas.

  

Os temas das lendas urbanas  

 

 Amais das que tratan sobre pantasmas ou espíritos, sobre o tráfico de órganos ‑(lémbrense os personaxes míticos cos que nos asustaban na nosa infancia como o Sacaúntos, Sacamanteigas, o Home do Saco, Lobishome, Cocos, Chuchonas…) que mesmo imputaban aos boticarios como intermediarios necesarios para conseguir os prezados untos ou graxas dos cativos‑, chégannos agora mensaxes vía e-mail ou polas redes sociais que nos preveñen contra posibles ataques terroristas nunha ou noutra data, nunha estación ou nun aeroporto.

   

Como tamén nos chegan por estes medios, ou a través de noticias nos xornais, recados que nos informan da procedencia  ou da deficiente sanidade das carnes de determinadas cadeas alimentarias, ilustrando con exemplos algún sucedido: o caso do chip dun can que se aparece no medio dun petisco, dunha hamburguesa ou dunha salchicha. Derivado deste tema hai outro que goza de enorme fortuna na cadea de transmisión deste tipo de lendas: onde enterran os chineses os seus finados?

 

Tamén se conta de edificios construídos sobre antigos cemiterios, colexios, hospitais…, pantasmas, seres terroríficos, mascotas exóticas como os cans que, en realidade, son ratas do deserto, ou as cobras que lle toman a medida ao dono para logo engulilo, coca-cola, caramelos ou madalenas con droga, monecas asasinas, tolos soltos, buzos que se aparecen no cumio dunha montaña despois de ser “cazados” polos avión contraincendios, enterrados vivos, monstros que saen do váter, crimes horribles, apócemas, sorprendentes encontros sexuais, embarazos prodixiosos… Quen non oíu contar que alguén tropezou co rei de España nalgunha estrada perdida cando ía na súa moto?

 

 


OS RELATORES

 

Luís Antonio Giadás

Nado en São Paulo (Brasil) en 1959. Profesor de Ensino Secundario no IES de Ponteceso (A Coruña). Conferenciante e investigador, impartiu varios seminarios didácticos (de 1995 a 1998) para a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e colaborou (dende 1997) no suplemento dominical Lecer do xornal Galicia Hoxe.  Foi coautor, xunto con Fernando Garea Vidal, do libro Cabana: análise histórica e social (Concello de Cabana de Bergantiños e Deputación Provincial da Coruña, 1995) ; coautor, xunto con Leonor Alonso Otero, de Ponteceso-Cabana : roteiros didácticos  (Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 1995). En solitario, realiza La vida política municipal en La Coruña: 1900/1931 (Edicións do Castro, 1997). Coautor, con Bieito Alonso e outros, dos catro libros de texto de Sociais para a ESO (A Nosa Terra – AS-PG, 1996) e coautor, con Leonor Alonso Otero, do Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento (Deputación da Coruña, 1998) e da memoria Os accesos á ruta da Virxe da Barca e do Santo Cristo de Fisterra dende a Ribeira Baixa do Anllóns (V Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, Deputación Provincial da Coruña, 2001). Así mesmo, en colaboración coa facultade de Económicas da Coruña e coa Empresa de Augas da Coruña, foi coautor da obra Aguas de La Coruña, 1903-2003: cien años al servicio de la ciudad (LiD, 2004). Membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns (dende o ano 2001) e coautor, dentro deste mesmo equipo de investigadores, dos folletos Parroquia de S. Estevo de Cesullas (Cabana de Bergantiños, 2003); Parroquias de Corme Aldea, Corme Porto e Cospindo (Ponteceso, 2005) e Parroquias costeiras de Carballo: Rebordelos, Noicela, Vilela, Lema e Razo (Carballo, 2006). Participante nos VIII e IX Congresos de Caminería Hispánica (en Pastrana e Cádiz, respectivamente), no 2006 e 2008, coas ponencias “Itinerario por Fisterra del Padre Sarmiento en el S. XVIII” (coautora: Leonor Alonso Otero) e “Un itinerario por los acantilados de la Costa de la Muerte”. Coautor do traballo de investigación República e republicanos en Galicia (Ateneo Republicano de Galicia, 2006) e, no 2010, patrón da Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso).

 

 

Xosé Miranda

Xosé Miranda Ruíz (Lugo, 1955). Licenciado en Bioloxía. Profesor de bacharelato no Instituto Xoán Montes de Lugo. Narrador e poeta. Especialista en literatura de tradición oral. Como poeta ten publicado: Sonetosfera (1996), accésit do Premio Esquío 1995; Andantes e viaxeiros (1996), Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1995; Carozo azul (1997); Permiso para o corso (1997), Premio Esquío 1996. A súa poesía está reunida no volume As cidades mergulladas. (Poesía reunida 1973-2002) (Xerais 2003). Como narrador deuse a coñecer co relato Na terra sombría (1988), Premio Modesto Figueiredo; foron as súas obras posteriores: Historia dun paraugas azul (Xerais 1990, 2006), Premio de novela García Barros; A biblioteca da iguana (Xerais 1994, 2006), relatos; A neve e a cadeira (1994), relato longo; A tres bandas (Xerais 1995), novela policíaca; Vestio (1995, Xerais 2008), novela; Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, 1994; O demo á orella (Xerais 1996), relatos; «Seis medos» en Antoloxía do conto galego de medo (1996); Morning star (1998), Premio Xerais de novela; Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), novela, Ariadna (Xerais 2002), novela; Pel de lobo (Xerais 2002), novela, Premio Merlín 2002; o relato “Tarxeta vermella” publicado en Materia prima (Xerais 2002) e Tarxeta vermella (Xerais 2003), relatos. En 2008 publicou As mans do medo. Os seus contos de medo están recollidos nos volumes Triloxía pánica (Xerais 2000) e As mans do medo (Xerais 2007). Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000), Feitizo (Xerais 2001), Álvaro e Álvaro (Xerais 2004), Federico na silveira (Xerais 2006), ''Amancio Amigo e o meigo de Salamanca'' (Xerais 2006) e “Amancio Amigo e o Demo da Botella” (Xerais 2008). Tamén é coautor xunto con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba do Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo é coautor dos volumes Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (Xerais 2001), Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais 2001), Cando os animais falaban (Xerais 2002), Antoloxía do conto galego de tradición oral (2002), e Arrepíos e outros medos (Xerais 2004) e A flor da auga (Xerais 2006), ambos os dous volumes pertencentes á serie “Lendas de Galicia”. Tamén participou nas obras colectivas Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (Xerais, 2008) e Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (Difusora, 2009).

 

 

José  Joaquim Dias Marques

É doutorado en Literatura Oral e Tradicional pola Universidade do Algarve, onde é profesor. Actualmente, lecciona Literatura Oral, Cultura de Massas e Português Língua Estrangeira.

Desde 1980, tense dedicado à recolla e estudo da literatura oral portuguesa, nomeadamente do romanceiro. Sobre este xénero tradicional publicou innúmeros artigos e a el dedicou a súa tese de doutoramento. É coautor (con Isabel Cardigos e Paulo Correia) do Catalogue of Portuguese Folktales (FFC nº 281, 2006).

Nos últimos anos, tense dedicado tamén ao estudo das lendas, sobre todo das chamadas urbanas.

É director da revista internacional Estudos de Literatura Oral e é membro asociado da Folklore Fellows Network.

 

 

Adolfo Bornaetxea Rodríguez

Máis coñecido como Fito Rodríguez, naceu en Gasteiz e é doutor en Ciencias da  Educación e profesor e investigador na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade do País Vasco. Foi o primeiro da súa facultade que presentou unha tese doutoral en éuscaro. É un especialista da literatura oral do seu país. Precisamente a súa tese estaba dedicada ao estudo do Bertsolarismo e a educación informal.

Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Vasca no período 2006-2010 e membro da xunta directiva do Pen Club vasco do 2002 ao 2006.

Son innumerábeis os seus traballos de investigación dedicados á lingua é á educación, e tamén é autor de múltiples publicacións e documentos científico-técnicos.

Cómpre dicir que Fito domina tres idiomas na escritura, así que aínda que preferentemente escribe en éuscaro, tamén ten títulos en español e en francés.

Por non alongarnos, e xa que é autor dunha importante bibliografía, citaremos algunhas das súas  publicacións máis coñecidas:

-       Hezkuntzaren teoria. Textu eta textuinguruak [Teoría da educación. Texto e contexto] (1985)

-       Construir o destruir naciones: el sistema educativo en el País Vasco. (1999)

-       Magrittek ez omen zuen pipatzen [Deduzo que é Magritte non podía fumar en pipa] (2001)

-       Faustoren itzala [A sombra de Fausto] (2004 )

-       Jeu de Paume (2005)

-       Saikeran saiatazeko gida [Guía para o experimento] (2005)

-       Kasandra leihoan [A xanela de Casandra] (2006)

-       Jerusalem Xalimen iria [Xerusalem a cidade de Shalim] (2008)

-       Buru ta zioak [A miña cabeza ten razón] (2010)

-       Entsegu literarioren bidean [Ensaio literario no camiño] (2011)

-       Nacionalismo y Educación (2011)

 

 

Celso Fernández Sanmartín

Naceu en Lalín, en 1969. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. É escritor e autor de libros de poesía como Divagacións iú (edición de autor, 1991), O tigre das cenorias (edición de autor, 1994), Sen Título (edición de autor, 1995), Propiamente son captivo (Letras de Cal, 1997), Fucsia, talladas, estampados, boca (Alvarellos, 2001) e da obra colectiva Letras novas (AELG,2008). Tamén cultiva outros xéneros como o recentemente publicado Gratas e Boas Novas (Alvarellos, 2011), un libro inclasificable, de imaxes, de cartas e postais, en resumo, un libro de poesía sen versos.

Celso exerceu como animador na Residencia de Maiores «Nosa Señora das Dores» de Lalín, elabora e pon en práctica proxectos de dinamización sociocultural e artística, e, sobre todo, é un extraordinario narrador, un excelente contador de contos e historias tiradas maioritariamente da tradición oral.

Impartiu e imparte numerosos obradoiros e cursos sobre animación sociocultural, sobre terapias de convivencia e ocupacionais en centros de maiores ou preventivas para persoas enfermas de alzheimer ou para discapacitados.  Sempre, ou case sempre, son os contos e o seu valor e uso educativo, como o das lendas e o das historias de tradición oral, os recursos básicos do seu quefacer;  e sempre, ou case sempre, son os nenos e os maiores os seus principais referentes.

Celso Fernández Sanmartín acompaña sempre o seu currículo cun ideario da actividade de contar contos e historias con lemas como Bicoca de boca en boca, Contos que non falten ou Os contos non son conto…

Di que contar é un oficio que todos temos, e logo de explicar que leva recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, di que comezou por casualidade neste oficio de contar, unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos e ilo por aí mostrando e ofrecendo coa boca aberta e coa boca chea. Confesa tamén devoción polas persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade, polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan, porque saben «elaborar un momento». Di que o seu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, «na que temos arte e parte», asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre.

E como asegura que ademais conta «cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí están e non coma pezas de museo» convidámolo a participar nestas IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral arredor do tema Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos para que nos achegue algunhas desas historias de sempre actualizadas, para que, ao írnolas contando, descubramos os segredos da súa vixencia e actualidade. 

 

Vexa aquí o pdf co programa. (avisamos da baixa de última hora de Bruno Cardeñosa, quen será substituído por Xosé Miranda)