Do 22 de febreiro de 2013 ao 24 de febreiro de 2013
Foto da actividade

 

 

MANIFESTO DA AELG

NO DÍA DE ROSALÍA 2013

 

 

 

Nin queixa nin folclore, hai cento cincuenta anos Rosalía de Castro asumía no prólogo dos Cantares gallegos, o grande atrevemento que supoñía traer para a escrita culta, sen gramáticas nin regras de ningunha clas, o canto dos pesares, costumes e paisaxes desta terra.

 

Nin queixa nin folclore, hoxe, neste día no que conmemoramos o nacemento da muller, neste ano no que celebramos o século e medio dun libro que serviu para comezar a construírmonos afectiva e politicamente como pobo, convidamos a  experimentar, de novo ou por vez primeira, a conmoción, o abraio que producen uns versos que falan de min, que falan de todas.

 

¿Qué lle pasará a un que non sexa como se pasase en tódolos demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas! -di Rosalía.

 

Ese modo de percibir e expresar o peso do mundo é o que consegue que Cantares fique agochado entre as dobras da memoria, que se mimetice co inconsciente colectivo e individual, en min e en todos!, como un clásico e, como un clásico persista como ruído de fondo, aguante e sacuda a poeira incesante dos eséxetas: Santa, Nai, Escura.., sen dar rematado nunca de dicir o que ten que dicir.

Porque Rosalía fala para o agora da lectura e neste agora a empatía, a rabia, a análise e denuncia que alenta na súa obra fánsenos especialmente necesarias. Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeneralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio. Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan  fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe.

 

Ler hoxe a Rosalía axúdanos tamén a desenvolver estratexias de resistencia ante as doutrinas oficiais que nos impoñen a brutal contracción do noso sistema cultural e lingüístico. De novo  Rosalía lembrando que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa, Rosalía rexeitando o centralismo que nos esmaga, que nos folcloriza, que nos nega, Rosalía denunciando, no XIX coma no XXI, o fracaso do estado para dar cabida ao diferente.

 

Rosalía pois, hoxe, para axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e  conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna.

 

Cantares gallegos, o primeiro libro integramente monolingüe do Rexurdimento galego, deu o protagonismo absoluto ás voces femininas e, probablemente, todas as que hoxe lemos e escribimos en galego  experimentamos nalgún momento o desexo intenso de ser coma ela, de seguir os seus pasos: fulgor e rebeldía. A nosa literatura moderna presenta a enorme vantaxe de ter unha muller como causa e orixe, un modelo para aquelas que non queren cantar as pombas e as froles. Con todo, xusto é recoñecer o paradoxo: a literatura galega dista moito de ser un matriarcado; aquí  -como en todas partes- as literatas continúan a ser tratadas como un elemento exótico-emerxente, caixiña dentro da caixiña, engadido que os homes tratan con benévola simpatía sen entrar nun diálogo verdadeiro. A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro.

 

Convidámosvos, pois, a celebrar este día como unha festa indispensable no noso imaxinario colectivo, unha festa na que celebremos, esperanzadas, o futuro, ese futuro que vive nas verdadeiras, nas autenticamente clásicas, como Rosalía, quen, de xeito perentorio, nos recorda que só a  palabra permite poñerse a salvo da brutalidade e a estupidez humanas.

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega reafírmase, máis unha vez, porque este tempo político neoliberal e centralista regresivo así nolo continúa a esixir, na nosa reivindicación da recuperación dun status máis xusto, digno, equitativo e equilibrado para o galego nos diferentes ámbitos de uso e, nomeadamente, no ensino, minguado cuantitativa e cualitativamente nun espazo de aprendizaxe e socialización como é a escola e apoiamos, como as palabras reivindicadoras de xustiza rosaliana nos animan, ao conxunto da sociedade que en múltiples iniciativas ten manifestado o seu compromiso coa lingua galega, soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”.

 

A modernidade da obra e pensamento rosaliano aloumíñanos e fálanos desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo da alborada para corearmos colectivamente:

 

Vaite, noi-

te, -vai fuxin-

do. –Vente, auro-

ra, - vente abrin-

do, -co teu ros-

tro – que, sorrin-

do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

 

Manifesto do Consello  Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir dun texto de Rexina Vega

 

 


 

Todas con Rosalía

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva".


Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose espontaneamente a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas... Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente. 
As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.

 


 

  • O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
  • A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
  • Para alén das actividades propias, a AELG coorganizou con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional.
  • A AELG  anima a toda a cidadanía a participar desas actividades. 
 
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizou, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, 24 de febreiro, data do seu nacemento.
No pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Rois, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.
En consecuencia, tiveron lugar unha multitude de actos dos que damos conta a seguir.
 
Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentaron proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:
 
Durante a semana previa Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística de Redondela organizaron a lectura pública de textos da autora, de 12.30 a 13.30 na Radio Municipal.
 
No Concello de Rianxo, o mércores 20 ás 16.30 na Escola do Cruceiro de Taragoña, houbo, en colaboración co Club de Lectura do CRA de Rianxo, unha lectura colectiva
 
O Concello de Tui programou para o xoves 21 de febreiro, ás 20.00 na Biblioteca Municipal, unha conferencia sobre a vixencia da obra de Rosalía de Castro, a cargo de Francisco Rodríguez.
 
Tamén o día 21, ás 20.00, fíxose un recital na Asociación Poesía del Mediterráneo de Valencia, baixo a dirección de Ana Arias Saavedra (vexa aquí os vídeos).
 
Venres, 22 de febreiro
A AELG propuxo aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que divulgamos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social. Foron 105 os centros de ensino que participaron desta iniciativa da AELG.
 
En Sarria, O IES Gregorio Fernández desenvolveu un recital (pdf, jpg) ás 10.30. Representación cantadas, recitados a coro dos poemas de Rosalía. Interviron docentes e alumnado do centro.

 
Ás 11:00, no salón de actos do IES María Sarmiento, en Viveiro, houbo un acto poético-musical.
 
Tamén o IES de Sanxenxo e no CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, así como o o IES de Becerrea no que o alumnado de ESO participou nun acto de lectura poética sobre a obra de Rosalía de Castro.
 
O CEIP Vistahermosa, de Ourense, celebrou o 176 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e o 150 da publicación de Cantares Gallegos cun recitado de poemas rosalianos por alumnas e alumnos de todos os grupos do colexio, canda unha pequena dramatización da marcha de Rosalía para Madrid.

O CPR Cardenal Cisneros de  Ourense organizou ás 12.00 unha lectura de Cantares Gallegos nas  distintas linguas maternas dos alumnos do centro, aproveitando a  interculturalidade do mesmo: galego, castelán, inglés, francés,  wolof, portugués, rumano, árabe.

En San Sadurniño a homenaxe desenvolveuse en dúas quendas a partir das 12.00. Nela participaron alumnos e profesores de Educación infantil e Primaria do C.P.I. que leron a viva voz poemas de Rosalía Castro no salón de actos da Casa da Cultura. No acto tamén estivo a poeta María Lado, quen fixo unha intervención a medio camiño entre o literario e a animación á lectura. Ademais o Concello obsequiou os máis pequenos/as con libros que tratan sobre a figura e a obra de Rosalía. 

No Concello de Fene, ás 12:00 h, nos CEIP de Centieiras, Os Casais e O Ramo; no CPI A Xunqueira; no IES de Fene e no Colexio “Jorge Juan” alumnado e comunidade educativa particparon da lectura simultánea de poemas de Cantares Gallegos.

Na cidade de Lugo oito centros de ensino (IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, Colexio Maristas, Colexio San Xosé, CPR Fingoi e Colexio Divino Maestro) organizaron un recitado no Parque de Rosalía, ás 12.00, no que participaron un total de 80 alumnas e alumnos en compañía de Marica Campo e Darío Xohán Cabana. O acto rematou cunha ofrenda floral.

O CEIP de Prácticas de Ourense, celebrou o Día de Rosalía. Ao subir do recreo conectáronse todos os altofalantes das aulas, e os 678 alumnos e alumnas escoitaron un poema musicado interpretado por un mestra en prácticas, para logo o alumnado voluntario de 2º e 3º ciclos de Primaria ir polas aulas dos máis pequenos recitando e cantando poemas da nosa autora.

O CPI O Cruce, de Cerceda, a través do Departamento de Lingua e Literatura Galegasumouse á iniciativa recitando poemas de Cantares Gallegos. Todas os cursos do CPI O Cruce aprenderon e traballaron sobre algún poema de Rosalía. Ademais, o alumnado de Primaria e Infantil preparou uns ramos de flores de papel para ofrecer á nosa autora. Pódese ver o resultado aquí.

 

O Concello de Pontevedra organizou un acto literario e musical ás 20.00 no Teatro Principal.

En Monforte, na Galería Sargadelos, a Asociación de amigos do viño da Ribeira Sacra promoveu unha lectura de Cantares Gallegos ás 20:15 (pdf, jpg)

Na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizou ás 17.30 un maratón de lectura para nenas e nenos, que finalizou cunha breve conferencia a cargo do escritor Miguel Mato a partir das 20:00.

En Valencia, ás 22.00, no Salón de actos da Asociación Poesía del Mediterráneo de Valencia, Ana Arias Saavedra deu lectura ao manifesto da AELG (vexa aquí o vídeo).

 

 

 
Sábado, 23 de febreiro
Propúxose a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, acompañada da lectura do manifesto da AELG.
 
Esta é a listaxe (inclúese a cartelaría respectiva ):
 

A Coruña (Biblioteca do Centro Ágora) Vexa fotos no informe fotográfico da actividade. Participaron: Xabier DoCampo, Dores Tembrás, Olga Patiño, Xosé Manuel Sánchez Rei, Celia Parra, Chelo Suárez, Antón Santamarina, Pilar García Negro, Teresa Seara, Heidi Khün Bode, Xavier Seoane e Estíbaliz Espinosa.

19:00

(pdf, jpg)

Santiago de Compostela (Libraría Couceiro) Recitaron Xoán Xosé Fernández-Abella, Aldara García Solar, Pere Tobaruela, Lorena Souto, María Solar, Xosé Luís Santos Cabanas, Euloxio R. Ruibal, Mario Regueira, Sonia Pazos, Teresa Moure, Esperanza Mariño, Nazaré López, Margarita Ledo, Rosa Franco, Berta Dávila, Lorena Costas e Marilar Aleixandre

19:00

(pdf, jpg)

Vigo (Museo Marco) Vexa fotos no informe fotográfico da actividade.

19:00

(pdf, jpg)

Lugo (Refectorio do Museo Provincial) Interviron  20 persoas vencellas ao Clube Cultural Valle-Inclán, alumnado da Escola de Narración Oral de Lugo, así como socios/as da AELG. Asistiron unhas 70 persoas. Vexa fotos no informe fotográfico da actividade.

19:00

(pdf, jpg)

Madrid (Café Comercial) Vexa a crónicaVexa fotos no informe fotográfico da actividade.

19:00

(pdf, jpg)

Cangas (Salón de plenos)

19:00

(pdf, jpg)

Ribeira (Aula multimedia da Casa do Pescador) - A. C. Altofalante. O acto superou con creces o aforo, obrigando a varias persoas a presenciáreno en pé. Partiparon na lectura xente de

todo tipo, desde unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza
estadounidense. Entre os lectores estiveron tamén Quico Cadaval, Carlos Callón e Santi Páramo.

19:00

(pdf, jpg)

Noia (Casa da Cultura) - A. C. Barbantia

19:00

(pdf, jpg)

Ferrol (Galería Sargadelos) - Sociedade Cultural Medulio

12:00

(pdf, jpg)

Bruxelas (Livraria Orfeu) - Livraria Orfeu e a Asociación Cultural “Couto Mixto”

18:30

(pdf, jpg)

A Rúa de Valdeorras (Biblioteca Pública Municipal - Casa da Cultura)

19:00

(pdf, jpg)

A Pobra do Caramiñal (Café bar A Trastenda - zona comercial O Adro)

12:30

(pdf, jpg)

 
 
Agrupación Cultural O Galo partiu da Praza de Vigo ás 17:00 para pasear polos espazos de Rosalía en Compostela. 
O Concello de Rianxo organizou unha lectura pública e ofrenda floral, ás 18.00 onda o busto de Rosalía da vila da Barbanza.
O Concello de Tui promoveu un recital na súa Biblioteca Municipal, ás 19.00, e durante todo o sábado agasallou cunha flor a quen mercara libros nas librarías do concello ou quen pedira en préstamo un libro na Biblioteca Municipal.
No Concello de Fene, ás 19:00 h., no salón de sesións da Casa do Concello, o Alcalde de Fene; os/as voceiros/as dos grupos municipais e representantes do CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, CPS Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños; AA.VV de Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, A.VV de Magalofes e Banda de Gaitas Tradicional ‘Airiños de Fene’ procederon á lectura de poemas de Cantares Gallegos. O acto rematou coa interpretación de “Negra sombra” a cargo da Coral Polifónica da SCRD Agarimo de Sillobre.
 
 
 
 
Domingo 24 de febreiro
 
Ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, tivo lugar un acto nacional onde foron lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral. (pdf, jpg). Este foi o programa:
 
-Recepción: Grupo de Gaitas Carapaus 
-Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias 
-Actuación da Coral da Asociación cultural e musical de Solfa, que interpretará as seguintes pezas:
A Rosalía, de M. Curros Enríquez; música de Alfredo Oliveira
Campanas de Bastabales, de Rosalía de Castro; música de Xosé Carlos Seráns
Rosa de abril, de Rosalía de Castro; música de Andrés Gaos e arranxos de Joám Trilho
Negra Sombra, de Rosalía de Castro; música de Joán Montes e arranxos: Joám Trilho
Lela, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; música de Rosendo Mato Hermida e arranxos de Francisco Tobar Cereijo 
-Lectura do Manifesto da AELG
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
Xina Vega, vogal da AELG 
-Lectura de poemas rosalianos
Marilar Aleixandre: “Non che teño medo moucho”
Marta Dacosta: “Eu cantar, cantar, cantei”
Alicia Fernández: “Mina Santiña, miña Santasa”
Pilar García Negro: “Campanas de Bastabales”
Inma López Silva: “A xustiza pola man”
Teresa Moure: “San Antonio Bendito”
Mercedes Queixas: “Nasín cando as prantas nasen”
Helena Villar Janeiro: “Quen non xime”
 
-Ofrenda floral 
-Interpretación do himno co acompañamento musical do Grupo de Gaitas Carapaus
 

A seguir dúas crónicas na TVG:

 
Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, organizaron distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única:
Alborada para Rosalía
Fundación Rosalía de Castro
Real Academia Galega
 
En Bos Aires, O terzo da fala organizou un acto ás 11.00 
En Ponteareas, a Asociación de Mulleres Floralba, ás 12.30, desenvolveu unha serie de accións conmemorativas, que pola tarde se trasladaron a Mondariz-Balneario.
O Concello de Silleda, nun acto previsto para ás 16.30, descubriu un mural na rúa Santa Olaia para despois continuar coa lectura de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Queremos Galego Deza. Nos días seguintes repartíronse poemas da escritora pola vila.
O Concello de Fisterra, ás 17.00.
A Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada realizou un acto ás 19:00 h: no Teatro Principal da Estrada, escenificación dunha obra, "O Mundo segundo Rosalía", baseada nos textos de Rosalía de Castro a cargo do grupo de teatro da Sociedade Cultural “Medulio” de Ferrol. 
En Betanzos, ás 20:00.
Vexa aquí as actividades que se desenvolveron na libraría Aira das Letras de Allariz.
 
 
 
Os actos continuaron despois do 24, e así, o IES A Sangriña, da Guarda preparou actos para os días 25 e 26
O Equipo da Biblioteca Escolar Brea Segade, Taragoña, Rianxo preparou para o 25 Rosalía nas nosas voces.
Os Comités Abertos de Vigo organizaron un recital en conmemoración de Rosalía para o xoves 28 de febreiro ás 20:30 h., ao que se uniron Trabalingua ou a propia Área de Normalización Lingüística da UVigo. Ademais, o concello de Vigo introduciuno no seu programa Vigo en Galego. 
O 8 de marzo, ás 21:00, no Pazo da Cultura de Carballo, a A.C. Lumieira celebrou unha homenaxe a Rosalía de Castro.
O 21 de marzo  ás cinco da tarde, na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense, a Sección de Literatura da Entidade celebra o "Día mundial da poesía", conmemorando o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, coa lectura de poemas a cargo alumnas e alumnos dos Institutos Otero Pedrayo, Celanova, Blanco Amor, A Carballeira e Carmelitas e As Lagoas. O acto será introducido por Teresa Devesa.
O Colectivo Cultural Buril de Burela organiza na na vila mariñá un Maratón de Lectura que tén por finalidade principal promover a lectura en lingua galega e que este ano será especial pois estará dedicado a Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. O III Maratón de Lectura de Burela, celebrarase o 23 de abril en xornada de mañá e tarde.
 
O IES Blanco Amor de Ourense elaborou os seguintes materiais: 1 e 2.
 
 


 
 A PRIMEIRA LECTURA COLECTIVA de Cantares Gallegos xa foi completada. O noso agradecemento polo interese e dispoñibilidade de todos os centros colaboradores.
 SEGUNDA LECTURA COLECTIVA de Cantares Gallegos xa foi completada. O noso agradecemento polo interese e dispoñibilidade de todos os centros colaboradores.
 POEMAS SOLTOSAquí incorporamos os traballos dos centros que quixeron sumarse á iniciativa despois de pechárense as asignacións das dúas lecturas anteriores. Grazas!!
 
 
 


Ver Centros colaboradores Día de Rosalía 2013 num mapa maior

 

A seguir, unha recompilación dos materiais didácticos que sobre a obra rosaliana nos envían os centros de ensino:
 
 
CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal
 
Hai anos este centro decidiu pórlle nome ás aulas con autores/as xeograficamente próximos/as. Unha aula do 3º ciclo leva o nome de Rosalía.
 
Presentación Prezi (2013)
 
No curso 2004-2005 elaborou unha pequena unidade didáctica (escrita e TIC):
    
 
No Día de Rosalía de 2012 foron moitos os centros de ensino confirmaron que celebraron actividades e, por tanto, xeraron material didáctico. Vid. tamén aquí.
 
E en Trafegando Ronseisblogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula
 
O IES do Camiño, de Palas de Rei, achéganos estas actividades.
 
O Equipo de Biblioteca de CEIP de Atín-Cela, do concello de Mos, achéganos este traballo de alumnos e alumnas de 5º de Primaria, que fixeron unha pequena homenaxe á Rosalía de Castro.
 
As pequenas e pequenos de 4 anos do CEIP Rosalía de Castro da Coruña, pintaron o retrato da poeta ao estilo Warhol.
  
Agardamos as vosas achegas en oficina@aelg.org.
 
 

 
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.