Naceu en Compostela o 5 de marzo do 1946, e vivíu nela até o mes de xaneiro de 1969, no que marchou a Madrid até o seu pasamento, o 29 de outubro de 2016. Empezou a escribir na revista do colexio: "Cambiábanme as cousas, con boa fe, sen dúbida, pero quedaban peor do que eu as escribira". Escribiu un libro de poemas inédito que non conservou (A Balrovento, 1963), e que quizais estea nalgún andel de Galaxia; gañou algún premio en castelán tamén (nun deles estaba Cunqueiro dando os parabéns), escribíu unha novela en galego, que en realidade era un guieiro de cine, Memoria do Diaño (por un erro do prelo saíu como Memorias do Diaño, en Edicións do Rueiro, 1980); logo outra, Longo voo de paxaro (Xerais, 1987). Tamén un libro de poemas, O tempo na auga (Xerais, 1985), e logo outro, Labirinto de inverno (Sotelo Blanco, 1990), e por este último recibiu o premio da crítica española e moitos lectores íntimos, dos que chaman ou conectan. Unha novela en castelán, Las bodas secretas de Lilia (Debate), tamén lle deu lectores íntimos e pequenas satisfaccións.
Era un lector irregular e gozaba moito mirando para a xente e para as cidades na vida de cotío. Quizais porque era sociólogo. A literatura ía coa súa vida e a vida do que o envolvía, que é o que contaba en xeral. "É unha escrita que son eu. Cando me vaia deste mundo quizais teña mais cousas."
Estudaron a súa obra Carmen Mejía, Vicente Araguas, María Xoubanova, Alfonso Eiré, Manuel Rivas, Basilio Losada, e outras boas xentes que deron cos seus libros: "Grazas a todos. A miña escrita é parecida a min: fuxidía e algo estraña. Labirinto de inverno é a miña vida, coas súas claves e misterios. Tamén cos seus recunchos. Ten algunha errata e isto tortúrame un pouco (por Viaraz pon voraz, e outras ocorrencias de vaia saber quen, que tamén lle rouba sílaba a un soneto, o único. Destaco isto porque escribín pouco e porque ese libro é, para min, central". Vivía en Madrid, mais tiña casa pola banda de Pontedeume para ver o mar e sentirse na terra.
[Outubro, 2016]