Andrés Torres Queiruga naceu en Aguiño-Ribeira o 28 de maio de 1940, no seo dunha familia mariñeira. Foi ao Seminario de Compostela facer os estudios eclesiásticos, pero pouco dura naquel seminario provinciano, a súa intelixencia esperta fai que o manden a estudiar á Universidade de Comillas. "Na distancia e na diferencia descubrinme galego -di-, e foi o momento da reacción. Un notaba o tremendo desprezo e a inxustiza con que se consideraba ó galego. Espontaneamente alí me afirmei como galego. Desde a distancia, Galicia aparece coma un corazón" (Victorino Pérez, Galegos e cristiáns, Vigo 1995). Comillas era daquela un dos puntos máis intelectuais e inquedos que había en España; alí colle fama de crítico e rebelde. Foi durante a súa estancia en Comillas cando publica en Grial un artigo programático: "Nota pra unha teoloxía do galeguismo" (9, 1965). Completa os seus estudios na Universidade Gregoriana de Roma, onde acada o doutoramento na universidade Compostelá. A comezos dos 70 vén para Santiago como profesor do Centro Teolóxico Compostelán, residindo desde entón en nesta cidade. Posteriormente, abandonará a docencia no centro eclesiástico, para pasar á cátedra de Filosofía da Relixión da Universidade Compostelá.
A vida e a obra de Queiruga manifestan unha admirable conxunción entre un traballo intelectual de altura, en constante diálogo co pensamento contemporáneo, e o compromiso existencial con Galicia, cos galegos e con tódolos seres humanos. Ramón Piñeiro chegou a dicir de Torres Queiruga que é "o primeiro teólogo galego" (na contestación ao discurso de Queiruga no seu ingreso como membro numerario da Real Academia Galega (1980). Xustificou a afirmación cos este argumento: Aínda que houbo teólogos nacidos na nosa terra, ningún, ata Torres Queiruga, foi teólogo galego, polo compromiso coa súa terra e o seu tempo.
Títulos e premios
Licenciado en Filosofía (1962) e Teoloxía (1966) pola Universidade de Comillas. Doutor en Teoloxía pola Universidade de Roma (1973) cunha tese sobre Amor Ruibal (Constitución y evolución del dogma. La teoría de Amor Ruibal).
Doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago (1988) coa tese sobre Amor Ruibal e Zubiri (Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri).
Director da revista Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián, durante trinta anos e do Consello de Redacción de varias revistas teolóxicas españolas. Membro numerario da Real Academia Galega (1980) e do Consello da Cultura Galega.
Premio da Crítica, en Ensaio, por dúas ocasións (1977 e 1987); Galego Egrexio (1994); Premio Antón Lousada Diéguez (2000) e Premio Trasalba (2003).