Armando
Requeixo

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

Catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio, é doutor en Filoloxía Galega. Dirixe os Cadernos Ramón Piñeiro e as coleccións Láncara de Poesía e Narrativa Recuperada no seo do Proxecto Recuperación de Textos Literarios e Xornalísticos Galegos do CRPIH, onde tamén dirixe o Proxecto Bibliografía da Literatura Galega.

É coordinador de Publicacións e Actividades da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, no seo da cal dirixe os cadernos da Colección Selva de Esmelle e a serie Papel de Color.

Pertence á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e é presidente de ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil), membro de LITER21 (Grupo de Investigación en Literatura Galega, Literatura Infantil e Xuvenil, Investigacións Literarias, Artísticas, Interculturais e Educativas), membro de LIXMI (Rede Temática de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil do Marco Ibérico e Iberoamericano) e pertence ás directivas do Foro Galicia Milenio e a SIFA (Sociedade Interuniversitaria de Filosofía).

Publicou as monografías Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego (1996), Ánxel Fole e Á lús do candil (1997, en coautoría con Luís Alonso Girgado), O mundo lucense de Ánxel Fole (con Claudio Rodríguez Fer e Isabel Gómez Rivas), Escritores mindonienses (1998), Criticalia (2011), Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista (2011), Xosé María Díaz Castro: vida e obra (2013), Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz (2014, con Alfonso Blanco Torrado e Luís González Tosar), Mondoñedo literario (2014), Voces galegas (2016), Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo (2017) e 4 mulleres de palabra (2022, con Marcelino Agís Villaverde, Rocío Carolo Tosar e Alba Iglesias Varela).

Como ensaísta e estudoso editou e analizou a obra de gran número de autores do século XX e XXI, como Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Luísa Villalta, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, Aníbal Otero, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro de las Casas, Arcadio López-Casanova, Victoriano Taibo, Concepción Arenal, Manuel Leiras Pulpeiro, Daniel Piernas Nieto, Sofía Casanova, Samuel Eiján, Ramón Piñeiro ou Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Toño Núñez e Xoán Neira, entre outros. Ao lucense Ánxel Fole dedicou a Tese de Licenciatura en 1996, pola que obtivo o Premio Extraordinario da USC. Pola súa banda, ao guitiricense Xosé María Díaz Castro consagrou a Tese de Doutoramento no 2014, tamén Premio Extraordinario da USC.

Como tradutor verteu ao galego A terra baldía de T. S. Eliot (1998), a biografía Don Ramón María del Valle-Inclán de Ramón Gómez de la Serna (2009) e os ensaios O dereito á preguiza de Paul Lafargue (2010), A servidume voluntaria de Étienne de la Bóetie (2013) e, ao castelán, El partido de la libertad de Albert Camus (2019).

Director de cursos, congresos e xornadas, director de documentais, membro de abondosos consellos de redacción de diversas publicacións e de tribunais de teses de doutoramento, foi conferenciante en numerosas palestras por Galicia, España, Portugal e outros lugares de Europa e América e como crítico literario ten publicado centos de colaboracións nas máis prestixiosas cabeceiras de toda Galicia e de fóra desta e exerce dende hai anos como comentarista nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión da Coruña) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños).

Recibiu varias distincións polo seu labor como crítico e investigador, como o Premio Xerais á Cooperación Editorial no 2004; o Premio Ánxel Fole no 2010; Premio Redelibros ao crítico literario máis destacado do 2011 e 2012; Premio Redelibros ao blog máis destacado do 2011 e 2012, por Criticalia; Premio Fervenzas Literarias ao mellor crítico literario de 2012, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019; Premio Fervenzas Literarias ao mellor blog/web literaria, por Criticalia, de 2015 e 2016; Premio Alecrín 2017 no Eido da Crítica e Investigación Literaria concedido pola FEGALCAT; Premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2017, entre outros.

[Xaneiro de 2025]