Carlos
Pereira

Naceu en Montevideo (Uruguai) o 24 de marzo de 1959. Reside na actualidade na Coruña. Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Historia, pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (U.N.E.D.), realizou os Cursos de doutorado en Historia Medieval no Departamento de Historia Medieval, Moderna e Ciencias e Técnicas Historiográficas da U.N.E.D. Traballa na súa tese de doutoramento sobre A Orde do Temple nos reinos de Galicia e León. Profesionalmente é Historiador do Concello de Culleredo.

Membro numerario da Sociedad Española de Estudios Medievales; membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega; ex vicepresidente da Asociación Cultural Estudios Históricos de Galicia; membro do Padroado e do Consello Rector da Fundación Instituto de Estudios Políticos e Sociais; membro da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; membro do Ateneo Republicano de Galicia; membro do Consello de Redacción da revista Dez-Eme, da Fundación 10 de Marzo de Comisións Obreiras; membro do Comité científico da revista Anuario Brigantino, do Concello de Betanzos.

Formou parte do desaparecido colectivo poético coruñés "Os Habitantes do Lago", que editou a revista do mesmo nome, participando en numerosos recitais por toda Galicia. Foi tamén un dos fundadores do Grupo de Teatro "Maiolongo" de Culleredo (1976) e director do grupo (1978). Cursou estudios varios anos no Conservatorio de Música da Coruña. Ten poemas publicados en revistas literarias como Ó Loro, Os Habitantes do Lago, As follas de Sísifo, Olláparo, Cerne, entre outras. Obtivo premios literarios de poesía en Culleredo, Cee, Noia ou Vigo.

Ilustrou varios números de revistas como Ó Loro, Os Habitantes do Lago ou Galería, deseñando asimesmo diversos carteis, revistas e folletos. Participou, nos anos 80, nalgúns dos certames de Banda Deseñada organizados pola Casa da Xuventude de Ourense, así como nas exposicións colectivas itinerantes dos mesmos. Membro cofundador do Grupo de gravadores "Suevia", forma parte tamén do Grupo "Crise" e colabora coa Asociación de Artistas Plásticos de Galicia (ARGA).

Tense ocupado, en textos publicados en libros, folletos e catálogos de exposicións, da obra de artistas como Manuel Romero, Alfredo Erias, Secundino Rivera, Manuel Gandullo, Julio Fernández Argüelles, Dulce Anca, María Xosé Leira, Chus García Camino, Gabriel Anido, Andrés Novo, Carlos del Valle, Emilio Celeiro, Ramón Astray, Luis Romero ou Yolanda Martínez Dorda, entre outros.

Ten participado nas dúas edicións dos Encontros coa Pintura, celebrados en 2005 e 2006 no Pazo de Mariñán, organizados pola Deputación Provincial, e no I Encontro de Pintura e Poesía Homenaxe a Rosalía, organizado polo Concello de Brión de 2006.

Foi membro do Xurado do I Certame de Pintura "O mundo do mar", organizado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Asociación de Artistas Plásticos de Galicia.

Ten participado, en exposicións individuais ou colectivas, en lugares como A Coruña, Lisboa, Braga, Porto do Son, Porriño, Culleredo, Lugo, Almada, Tui, Santiago ou Betanzos.