Naceu en Vigo en 1966. Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa (Universidade de Santiago de Compostela, 1989). Profesor de lingua e literatura galegas no IES Valadares (Vigo) e exerce a crítica literaria desde 1990. Desde 2011 é padroeiro da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Colaborou en diversos medios escritos e audiovisuais e faino na actualidade, con periodicidade semanal, nas páxinas do suplemento "Fugas" de La Voz de Galicia. Ademais, responsabilízase da sección "Breviario" da revista Biblos. Club de lectores. Colaborou no programa Libro aberto da TVG e foi responsable de asinar as páxinas de información de libros galegos na revista Qué leer (2005-2014).
Asemade é tradutor e ensaísta e, desde 1995, dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia. Recibiu o premio á cooperación editorial no ano 2004 instituído por esta editorial polo seu labor como crítico literario. Foi valorado en sucesivas votacións organizadas pola web fervenzas literarias como mellor crítico literario dos anos de 2008, 2009, 2010, 2011 e 2013; igualmente en 2014 e 2015 o seu blog foi distinguido como mellor blog literario. A súa tradución de Sete casas en Francia, de Bernardo Axtaga, foi considerada como mellor libro na sección de tradución para adultos en 2009 na mesma web.
No ano 2011 a súa tradución de 30 gramos, de Leonel Moura, foi galardoada co Premio Lois Tobío á mellor tradución de 2011 pola Asociación Galega de Editores, recibindo tamén ese mesmo ano o Premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega á mellor traxectoria en xornalismo cultural. A devandita institución galardoou o seu blog "Caderno da Crítica" (https://cadernodacritica.wordpress.com/) como mellor blog literario en 2013, 2014 e 2015, e premiou o seu libro Onde o mundo se chama Celanova como mellor ensaio de 2013, recibindo por esta mesma obra o premio Losada Diéguez en 2013.
[Setembro, 2015]