Ana
Romaní

Nace e Noia o 5 de agosto de 1962. Reside en Santiago desde 1973. Participa desde nova c@s amig@s en iniciativas de dinamización cultural en Noia: Grupo de teatro afeccionado "Tiruleque", creación da revista artesanal Carabela de Xeada cun número dedicado a María Mariño (1983), creación da Asociación Cultural Catavento de Noia (1983). Obtén o primeiro premio do certame "Xente Nova na Poesía Galega"(1981) e Mención de Honor do premio de Poesía O Facho (1982).Comeza así a súa participación en proxectos e actividades poéticas: recitais, mesas redondas, revistas.

No ano 1987 publica o seu primeiro libro de poemas Palabra de Mar. Despois editaríanse Das últimas mareas (ed. Espiral Maior 1994) e Arden (ed. Espiral Maior 1998). Publica o conto Marmelada de amoras (Nova 33. 1997).

Participou na creación da revista Festa da Palabra Silenciada, e na da asociación Mulleres Galegas na Comunicación.

Actriz de dobraxe entre os anos 1985 e 1989. Nese mesmo ano realiza con Chema Gagino o programa de humor critico "A viborona" en Radio Nacional de España en Galicia, Radio 4. Incorporase despois á Radio Galega onde traballa na actualidade. Dirixe desde 1990 o programa de información cultural "Diario Cultural" recoñecido co I Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia (1992). Obtén polo seu labor o Premio Xerais á cooperación no labor cultural de Edicións Xerais de Galicia (1999) e o Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural da Fundación Premios San Martiño (2000).

Foi membro da Ponencia de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e pertence á Asociación de Escritores en Lingua Galega e ó Pen Club de Galicia.

Participa en diversos proxectos artísticos: O Son da Pedra do grupo Milladoiro (1994), A Illa verde carpeta de gravados de Alfonso Costa (1988), os discos Rosalía na voz dos poetas (1983) e Daquelas que cantan(1997) do Patronato Rosalía de Castro, Lianas carpeta de gravados de Maika Novoa, o espectáculo Son Delas coordinado por Uxía Senlle (2000). Crea con Antón Lopo o Laboratorio de Indagacións Poéticas no que realizan os espectáculos poéticos Ó outro extremo do paraíso (1997), Lob@s (1999) e organizan o Festival de Espectáculos Poéticos A Boca Aberta no marco do Congreso Mundial de Poesía do Pen Club de Galicia. Realiza con Rodrigo Romaní os recitais poetico-musicais Arden (2000) e Lisboa (2000). No ano 2001 presenta a Intervención Poética contra a Levidade "Catro Poetas suicidas".

[Febreiro, 2002]