Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e en Filoloxía Hispánica.
No eido do relato curto obtivo en varias ocasións o primeiro premio do Certame Literario do Concello de Cambre, así como o segundo premio do X Certame Literario de Relatos Curtos ‘Os Viaductos’ do Concello de Redondela.
A súa primeira novela xuvenil, Proxecto Bolboreta (Xerais, 2007), gaña o I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior.
No 2010 queda finalista do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia.
Nese mesmo ano gaña o 4º Premio Meiga Moira coa súa obra Violeta Tamurana (Baía Edicións, 2010), que tamén queda finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011.
No ano 2012 publica a súa obra infantil O segredo do lagarto arnal (Baía Edicións).
No ano 2013 ve a luz a súa cuarta novela, Nubes de evolución (Xerais), finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011.