Nacín o 25 de decembro de 1970 en Santiago de Compostela, onde vivo. Son licenciada en Xornalismo (SEK, Segovia) e en Bioloxía, especialidade Fundamental (USC), e diplomada en Maxisterio especialidade Ciencias (USC), ademais de ter o Título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental (Politécnica, Madrid).
Desde os meus inicios laborais centreime no mundo da comunicación, principalmente en radio e televisión, aínda que tamén colaboro en prensa e revistas xenéricas e especializadas. O groso da miña traxectoria profesional desenvolvino na Televisión de Galicia (TVG) e a Radio Galega aínda que antes pasei por Radio Compostela-Cadena Ibérica. Para a TVG presentei moitos e moi variados espazos como Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, Os directos da Galega, Que boa tarde, ademais de galas (Gala do cocido de Lalín, Festival de cine de Ourense, etc), e programas especiais (Cen anos do Himno desde Uruguai, Loita contra o lume, etc).
Na Radio Galega presentei tamén diversos programas; entre eles, e fundamentalmente, dirixín e presentei durante oito anos o magazine diario As tardes da Galega. No 2011 o Zigzag Diario recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV. Tamén acadei, entre outros, o segundo premio de xornalismo científico Galicia Innovación no ano 2009. E o programa concurso Arrampla con todo foi distinguido co premio nacional Ciencia en Acción do MEC en 2005.
[Decembro, 2012]