Xerardo Méndez nace en Colón, o 24 de Xaneiro de 1964. Aos tres anos de idade, co regreso da familia para Galicia, vive un ano no lugar de As Barreiras, parroquia de Poboeiros, Castro Caldelas. Un ano despois trasládase á cidade de Ourense, na que vive actualmente.
As primeiras letras escribiunas no Colexio "La Purísima", sito na rúa Santo Domingo da mesma cidade, pero, por ser aquel un centro feminino -estamos nos primeiros setenta- pasa ao Colexio Cardenal Cisneros, na rúa Emilia Pardo Bazán. Alí cursa a EXB, e o primeiro ano de bacharelato, os anos pasan entre libros e partidos de baloncesto, fútbol e hockey. Nese ano sofre unha lesión que lle impediría continuar coa práctica deportiva. Conclúe o bacharelato no Instituto "As Lagoas", xa infectado co virus da literatura, do que se contaxiara no primeiro ano do bacharelato, ou quizais antes: é cousa que non sabería dicir con precisión, e mesmo dubida se antes foron os versos ou a guitarra -que mal raña de cando en vez aínda- e as cancións. A infección inza -na súa variante poética- ao presentarse ao concurso literario convocado no instituto no seu último ano, e sorprenderse gañador. O premio foron unha restra de libros dos clásicos, algún dos cales aínda conserva este home distraído e esquecedizo.
Unha incerta vocación política e acontecementos persoais un chisco agres lévano a solicitar o ingreso en ERGA no ano 80 ou 81, e na hoxe histórica AN-PG. Organizacións que abandonaría logo de poucos meses. De aí o de incerta.
Aos dezasete anos marcha a Santiago decidido a estudiar Física, e estudiar algo estudiou, pero aprender, aprendeu pouco, como se deduce dun expediente académico ben pouco brillante. Pode ser que a suma de inquedanzas: literaria, política, científica, deportiva, sumaran á enfermidade poética outra de natureza buridá, de forma que os anos pasan sen que o noso home consiga máis que o escaso mérito de entrar un ano entre os cinco escollidos para a gloria final do Esquío, gloria que lle resultou esquiva, e esgotados capital e paciencia regresa a Ourense, desde onde, gracias á xenerosidade de varios profesores universitarios, consigue por fin licenciarse. Nos últimos anos de estadía santiaguesa, afectado novamente polo virus influenza literariae, esta vez na súa variante novelesca, insiste nunha teima antiga: ver de vivir do conto. Mais, aínda que consigue colocar un par de textos nas editoriais, as súas esperanzas dilúense axiña, e gracias a unha oportunidade impensable, entra a traballar no mundo do ensino oficial, no centro, hoxe cerrado, Colexio Sueiro, da rúa Parada Justel. Dous anos que lembra con cariño e un chisco de saudade. No ano 1996 publica a súa última obra impresa: As horas que nos quedan titulo tal vez profético, porque o seu centro de traballo pechou ese ano e houbo de volver ás clases particulares para procurarse os garavanzos, que lle saben moito, por certo.
Logo dun ano no paro, entra a traballar no Colexio San José, na rúa Progreso, ao mesmo lado do símbolo da cidade, e a súa natureza quadrofénica -máis valería dicir multifrénica- adaptouse ben ao perfil poliédrico de profesor multiárea requirido polos tempos e a institución. Esta ánima inqueda inicia entón un proceso de investigación non recollido en parte algunha sobre os procesos do ensino e a aprendizaxe, así como no deseño de ferramentas informáticas para conseguir achegarse ao vello ideal dun ensino científico que favoreza aprendizaxes e medidas de atención individualizadas. Esta nova infección do virus informáticus tivo como consecuencia a montaxe dun CD de recursos ao que deu o peregrino título de "Son un labrego... do tempo dos Sputniks", que lle reportou menos ingresos aínda que a literatura, anque cabe dicir que neste caso o home fixo un simple traballo de colleiteiro en leira allea -propiedade de xentes de boa fe, que lle cederon graciosamente os froitos do seu traballo, cousa pola que se mostra moi agradecido- polo que obviamente non agardaba recompensa. No tempo que lle rouba ao sono, de cando en vez aínda atina a amañar algún relato -curto- e garda no caixón un par de noveliñas e seis ou sete proxectos. Quen sabe? Igual un día nos sorprende e volve publicar outro libro...
E para rematar, cando se lle pregunta polas súas influencias, non pode evitar sorrir, e cando se lle insiste na pregunta, recoméndanos a lectura de dous poemas: a "Oración polos parvos", de Celso Emilio Ferreiro, e "José Dolores Estrada" de Ernesto Cardenal.