Barcelona, 1960.
Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa. Catedrático de Lingua e Literatura Galegas no Instituto Arcebispo Xelmírez 1 (Santiago), do que foi Director (1987-1996) e no que potenciou o carácter innovador da educación e a galeguización do centro.
No mundo do idioma, ademais de desempeñar postos na dirección da Associaçom Galega da Língua, foi membro da comisión fundadora da Mesa pola Normalización Lingüística.
Foi coordenador da Revista Enclave, revista de política e pensamento e membro do Consello de Administración do xornal A Nosa Terra.
No ámbito da sociolingüística, a súa dedicación á problemática social do idioma levouno a desempeñar o papel de publicista da lingua en conferencias dentro e fóra da Galiza. Publicou artigos de investigación e participou como coautor en obras conxuntas sobre temas de lingüística galega (entre outros: Estudo Crítico das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1983), Prontuário Ortográfico do Galego (1985), A formazón de novos campos léxicos (1986) e de crítica literaria (Estudo Crítico das Memórias de Neira Vilas (1984), Un home de Vilameán, anatomia dunha revolución (1983) e estudos sobre trovadores medievais nas revistas Grial, Enciclopedia Gallega, O Ensino, Revista Galega de Educación, Enclave, ... así como en libros de carácter didáctico. De entre as súas publicacións cumpre salientar Língua e sociedade na Galiza (1991, 3ª ed. 1997).
Desde hai tres anos, colabora con frecuencia no xornal El Correo Gallego.
No ámbito da creación literaria publicou a novela Denso recendo a Salgado (Xerais, 2010).
[Setembro, 2010]