Laura
Tato

Laura Tato Fontaíña naceu en Vigo en 1951. Licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago en 1973 e durante quince anos exerceu a docencia no ensino privado. Volveu ás aulas para se licenciar e doutorar, en 1996, en Filoloxía Galega-Portuguesa na Universidade da Coruña cunha tese sobre teatro galego pola que recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento.

En 1993 gañou o IV Certame de Investigación Lingüística e Literaria ‘Ricardo Carvalho Calero’, convocado pola Asociación Cultural Medulio e o Concello de Ferrol, coa obra Teatro e Nacionalismo. Ferrol 1915-1936. Formou parte do equipo coordinador da Historia da Literatura Galega, en 5 volumes, publicada pola AS-PG e A Nosa Terra entre 1996 e 1998. Foi a directora filológica da Biblioteca Virtual Galega da UDC de 2001 a 2004.

Desde a súa creación, en 1997, dirixe a Serie Azul ‘Literatura Teatral Galega’ das publicacións da Biblioteca-Arquivo Teatral ‘Francisco Pillado Mayor’ da Universidade da Coruña, da que é coordinadora científica.

Na actualidade é Profesora Titular da Universidade da Coruña.

[Maio, 2010]