María N.
Soutelo

Con estas sinxelas credenciais (apenas un nome e un par de apelidos), cheguei ao mundo en Montecelo, a mediados de decembro. Lin, lin, lin e acabei por licenciarme en Historia na Universidade de Santiago de Compostela hai xa uns anos. Inicieime na Música dende ben pequena e escollín o Violín como instrumento de tortura favorito.

Mesturo os cadernos e os diarios persoais escritos coa miña caótica e terrible caligrafía cos limpos, asépticos e ordenados caracteres das novas tecnoloxías, e semento ideas (que ás veces dan froito) nas bitácoras Navicularia (http://navicularia.blogspot.com.es) e O Pracer do Azul (http://pracer-azul.blogspot.com.es). Comparto a miña actividade literaria na páxina de escritora que creei en Facebook https://www.facebook.com/MariaNSoutelo e no perfil @MariaSoutelo de Twitter.

Actualmente teño a inmensísima sorte de dirixir, planificar e coordinar os clubs de lectura da Casa das Letras – BPM de A Estrada, e crear os contidos do seu blog Lendo cos 5 Sentidos http://cos5sentidos.blogspot.com

Tamén, e en colaboración co colectivo literario A estrada das letras, coordino e imparto (xunto co escritor Manuel Portas) a primeira edición de Tecer versos e grilandas - obradoiro de introducción á escritura creativa, na Casa das Letras (A Estrada).

Na miña traxectoria como poeta salientan:

XX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón (Concello de Dodro) outorgado ó meu primeiro poemario “Código Poético” (2007), publicado na Editorial Sotelo Blanco

“Diáspora” (2012, Acha Escrava Editora)

“Nestes Días” (2014, “Q de VianCadernos”, A Porta Verde do Sétimo Andar, Ed. Nova Galicia Edicións)

Gústame tamén colaborar en publicacións colectivas de poesía, como:

- “Poesía Contemporánea de Tabeirós- Terra de Montes”, (2005). Editorial Fervenza

- “Sétimo Andar, Poesía Alén” (2010), co Colectivo de creación A Porta Verde do Sétimo Andar (ed. Nova Galicia Edicións)

- “Poetas con Rosalía V” (2010), da Fundación Rosalía de Castro

- “Pegadas” (2011), co Colectivo de creación A Porta Verde do Sétimo Andar (ed. Nova Galicia Edicións)

- “Mulheres entre poesía e luita”, (2011), da Assembleia de Mulheres do Condado

- Revista “DORNA”, nº 34, da USC (2011)

- Homenaxe a Urbano Lugrís, da Nave das Ideas (2011) http://anavedasideas.blogaliza.org/2011/12/17/233/

- “Dairas”, (2011) do IES Manuel García Barros

- “XXV Aniversario do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 1988-2012”, (2012), do Concello de Dodro

- Boletín nº 3 da publicación francesa Levure Littéraire http://levurelitteraire.com/neves-soutelo/

- “150 Cantares para Rosalía” (Suso Díaz, coord.) http://ow.ly/M7hV300wfZA

- Dez Anos na Porta. Antoloxía poética 2005-2015, Colectivo de creación A Porta Verde do Sétimo Andar

- Verbo na Arria, Asociación Cultural O Fervedoiro, 2016

- Aldeas sen voz, Vicente Ansola (fotografía) e vv.aa. (texto), Ed. Canela, 2016

- OLGA Revista de Poesía Galega en Madrid, nº 3, Xuño 2017

Formei parte do consello de redación e publicación da folla de poesía “AugasVerso” financiada polo Excmo. Concello de A Estrada (2003-2004), e fun membro do consello de redacción e correctora da publicación cultural mensual AbarcARTE.

Hoxendía, imparto obradoiros de escrita creativa e contacontos en bibliotecas públicas, centros de ensino galegos e alí onde me acollen, actividades nas que aprendo sen cesar e nas que comparto a miña paixón pola literatura, a cultura, o coñecemento. Participo con tímida asiduidade en actos literarios e culturais polas xeografías galega e portuguesa. Igualmente, e de forma moi puntual, arríscome como articulista na sección de opinión no diario Sermos Galiza (http://ow.ly/Z9Zs6 ) e na sección de cultura ProTexta (Tempos Novos- http://temposdixital.com ).

[Setembro, 2017]