(1903 - 1986)

Ánxel
Fole

MEMBRO DE HONRA DA AELG, 1981

Ánxel Fole naceu en Lugo en 1903. A súa infancia transcorreu en estreito contacto coa nosa lingua, a escoitar historias ao pé da lareira: na casa señorial da familia en Campo de Castelo; máis tarde en Fingoi e, desde 1910, na cidade de Lugo. Foi na capital lucense onde Fole descubriu a literatura e a música. Na ampla biblioteca do seu pai coñeceu a obra dos autores do Renacemento, de Cabanillas, Manuel Antonio, Luís Pimentel... En 1912 comezou a estudar cos Irmáns Maristas; posteriormente pasou seis anos no Seminario Diocesano e, finalmente, concluíu o Bacharelato no Instituto de Lugo aos vintetrés anos.
Despois de prestar o servicio militar en Zamora, entre os anos 1927 e 1933 realizou estudos de Dereito e Filosofía e Letras nas universidades de Valladolid, Madrid e Compostela, sempre máis preocupado pola lectura que pola formación académica. Na universidade galega ingresou na Federación Universitaria Escolar. Mais a guerra obrigouno a interromper os estudos.
A pesar de que habitualmente se fala de Fole como dun autor de publicación serodia, xa dera a coñecer algún artigo literario e algunhas composicións poéticas en revistas e xornais durante os seus anos universitarios. Desde 1930, ademais, promoveu e dirixiu diversas publicacións e colaborou en diferentes xornais galegos. Ao tempo, participaba na vida política, primeiro en círculos republicanos e, desde 1935, militando no Partido Galeguista.
O caos que trouxo a guerra obrigou a Fole a vivir agachado durante certo tempo; perdeu o traballo e ficou sen recursos económicos. Sobreviviu impartindo aulas particulares até 1941, ano en que foi contratado como preceptor en Quiroga, onde seguiu colaborando con publicacións galegas e españolas. Aquí recuperou o contacto co mundo rural e a literatura oral, da que tirará argumentos e técnicas. A pesar do seu afastamento xeográfico, participou na fundación da editorial Galaxia, en que publicou a súa obra narrativa dos anos 50: Á lús do candil. Contos a carón do lume (1953) e mais Terra brava. Contos da solaina (1955). O seu único texto dramático, Pauto do demo (1954), viu a luz na editorial Citania de Bos Aires.
En 1957 volveu instalarse en Lugo, onde recuperou a súa actividade xornalística, que foi moi intensa nas décadas seguintes. Parte desta actividade foi recompilada, en 1981, baixo o título Historias que ninguén cre. Na produción narrativa desta nova etapa urbana, constituída por ¿E decímolo ou non-o decimos? (1972) e Contos da néboa (1973), Fole abandonou a temática rural, aínda que mantivo a mesma linguaxe e técnicas narrativas dos anos cincuenta.
Ingresou como membro numerario da Real Academia en 1963 e está considerado como un dos nosos clásicos desde a súa morte, acontecida en 1986.