Verónica Martínez Delgado naceu en Valdoviño no ano 1976, nun berce no que se mesturaban, a partes desiguais, raíces e memorias galegas, vascas e andaluzas. Sería agradable aducir que neste melting pot está a cerna do seu temperá espertar creativo, mais o certo é que foi a violencia, nas súas múltiples e diferesas tipoloxías e manifestacións -de presenza cotiá na nosa sociedade- quen levou a autora a procurar refuxio nos libros, na literatura e na creatividade, espazo mental que constituíu para ela. Un oasis ao que se abeiraba cando os furacáns arrasaban o horizonte e o fungos atómicos estragaban calquera idílico skyline que conseguise albiscar. O positivo foi que no oasis, ademais de refuxio, achou moi boa compaña, tanto, que xamais a deixou atrás. En palabras da propia autora: Non concordaba co que estaba a vivir e tampouco o entendía. Soñaba en silencio todo o día, devoraba libros para me afastar do pequeno mundo que me asfixiaba, e comecei a necesitar expresarme, a denunciar o vivido e observado, a rexistrar os meus pensamentos. Desta forma, inicieime na escrita con apenas catorce anos, como unha necesidade que, agardo, me acompañe toda a vida.
Seguindo o rastro deixado polas pegadas que foi atopando, licenciouse en Historia da arte, estudos que, ademais de levaba traballar en diferentes museos e galerías, fixo que comprendera até que punto a súa historia non era única e a arte, dende sempre, cumpriu unha función paliativa e cicatrizante. Na actualidade procura transmitir todo o aprendido ao longo da súa vida e viaxes (interiores e exteriores) como profesora de ensino secundario en formación profesional na área de Servizos socioculturais e á comunidade, traballo na inclusión social, a animación sociocultural, o respecto e coidado polas persoas dependentes, a violencia machista, a educación e o seu sistema ou a atención ou desatención á infancia se manteñen como focos de implicación e ímpeto vital.
Froito da súa actividade creativa, a nivel literario quedan varios poemarios propios que obtiveron diferentes galardóns, así como unha prolixa participación en multitude de obras colectivas. Entre estas, cabe destacar os seguintes:
- Mañá, se cadra non será un día máis (VII Concurso de relatos breves Repsol de 1994)
- Había tantos homes lilas (I Premio de poesía Francisco Fernández del Riego do IV Certame de 1996), Deshabitada e sen verdugo (I Premio de poesía Francisco Fernández del Riego do V Certame de 1997), Desterrada do meu corpo (Accésit I Premio de Poesía Letras de Cal de 2001 e Premio do Concurs de Poesía Jove de Alzira de 2000)
- Cara a un solpor de gatos (III Edición do Premio de Poesía Afonso Eanes do Cotón 2004)
- O ladrón de almas (Mención de honra no certame de poesía GZcrea 2006 recollido en Isto é un poema e hai xente detrás)
- Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter (Accésit VIII premio de poesía erótica Illas Sisargas 2013)
- Certame de poemas de amor de Foz de 2014, por Xa non hai máis.
- A outra voz (IX Certame de poesía erótica Illas Sisargas en 2014)
- II premio no Certame Literario Rosalía de Castro A.C. Rosalía de Castro de Cornellá, por Test de embarazo positivo.
- Gañadora na categoría de Poesía no X Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia "Rosa de Cen Follas", por Habitación compartida no materno-infantil.
Os poemarios publicados ata hoxe de xeito individual son:
- Desterrada do meu corpo, 2001, Letras de Cal.
- Deshabitada e sen verdugo, 2002, Río Xuvia.
- Cara a un solpor de gatos, 2005, 3C3.
- O ladrón de almas, 2007, Espiral Maior.
- Lusocuria, 2012, O Figurante Edicións.
- Cartapedra, 2013, Lastura (Madrid).
- Como peche dunha etapa e colofón da súa dilatada traxectoria, publicou no 2013 a Obra reunida (1994-2008) nun volume bilingüe, 2013, Amargord (Madrid).
- Refuxio, 2014, Toxosoutos.
- Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, 2014, A. C. Caldeirón.
- A outra voz, 2015, A. C. Caldeirón.
Conta con colaboracións en diversas obras colectivas en poesía:
- Catro contos do Premio Repsol, 1997, Fundación Repsol.
- Somni de paper, 2001, Bromera.
- Sempre mar. Cultura contra a Burla Negra, 2003, Asociación Burla Negra.
- II e III Concurso de Relato Curto e Poesía, 2005, Concello de Valdoviño.
- Do máis fondo do silencio saen voces, 2006, Asociación Cultural Panda de Relacións Laborais, A Coruña.
- O ladrón de almas, en Isto é un poema e hai xente detrás, 2007, Espiral Maior.
- Letras novas, 2008, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega.
- En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova, 2010, Toxosoutos.
- Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro, 2011, AELG, libro electrónico.
- Bilbao. Antoloxía de poesía galega en Madrid, 2012, Amargord.
- A cidade na poesía galega do século XXI, 2012, Toxosoutos.
- Sétimo andar, 2012, A porta verde do sétimo andar - Cadernos de Q de Vian.
- Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto, 2013, A. C. Caldeirón.
- Filografias, 2013, Lastura.
- Esferografías, 2014, Lastura.
- Poetízate, 2014, Xerais.
- 150 Cantares para Rosalía de Castro, 2015, libro electrónico.
- Fisterras, 2015, Lastura.
- 1975-2015 Moncho Reboiras Vive!, 2015, Arredista Edicións.
- Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza, 2017, Através Editora.
En ensaio conta coas obras:
- X. M. Tomé. Antolóxica, 2007, Universidade de Santiago de Compostela.
- I Encontro Arte e Natureza, 2009, Embora.
- Breves notas sobre a historia del Arte aplicadas á intervención sociocomunitaria, Lulú, 2009.
- A intervención didáctica nos DEAC, Lulú, 2009.
Alén de participar en numerosas publicacións periódicas como Madrygal, Dorna, Ólisbos, A festa da palabra silenciada, Arraianos, e en multitude de recitais, conferencias, sempre relacionados coa poesía e a literatura galegas. Ademais forma parte dos colectivos A Sega e do Grupo Bilbao.
A súa obra foi estudada nos ensaios Ferroláns na historia da literatura galega, de Henrique Dacosta, e Letras de cal na producción poética galega dos 90, de Miguel Louzao Outeiriño. Recentemente publicouse o TFG no 2017: Verónica Martínez Delgado: unha poeta do século XXI nas marxes do sistema, por Lidia Gladys Cagiao Conde.
Para desgusto d@s ben-pensantes e d@s amig@s de iso non se di, iso non é poesía, a súa intención é seguir escribindo e denunciando os problemas e lacras sociais que a pre-ocupan. Así que deixen de insistir: non, non vai mirar para outro lado nin finxir que aquí non pasa nada.
[Novembro, 2017]