Nacín en Delémont, na Suíza francófona no ano do punk, o 77 (non penso poñer a miña idade, fagan contas vostedes mesmos). Os meus pais emigraran para alí da parte de Laxe (A Coruña). Pouco despois recapacitaron e liscaron axiña para A Coruña, onde me criei. Eu coma eles, unha ducia de anos no estranxeiro, na Baviera (Alemaña). Eu coma eles, agora emigrante retornado, reprantado na Coruña. Gaño as lentellas como técnico de laboratorio, e non hai grande queixa. Pero se estás a ler isto aquí, será polo que din escrito.
Ata agora adiqueime ó relato curto. Apañei algún premio que outro, entre outros o III Certame Suárez Ferrín (2002), Certame "Radio France International-Cide Hamete Benengeli" (2003), o II Certame Lucus Augusti (2004) ou o Certame Ourense de Contos (2006). Publiquei en solitario dúas escolmas de relatos chamadas Seica Chove (Baía Edicións, 2002) e recentemente Podería falar de nubes (Outono do 2012, Redelibros). Saíron ademáis relatos meus noutras compilacións xunto con outros autores co gallo dos mesmos certames literarios, ademáis de colaboracións en publicacións como Palavra Comum, Sermos Galiza, La Voz de Galicia, A Trabe de Ouro ou Revista Dorna de Expresión Poética. Atoparédesme na rede en varias redes sociais e na miña páxina www.franciscocastinheira.gal (en galego) en www.franciscocastinheira.com (en castelán).
Oxalá que leas algo meu e che preste. Se non, toda esta caótica biografía sobra.
Feliz lectura.
[Xullo, 2019]