Nacida en Corme, Costa da Morte, trasladouse ós catorce anos á Coruña, onde exerce na actualidade como avogada. Algúns dos seus poemas viron á luz na revista Xistral de Lugo, no Anuario Brigantino, Ferrol Xurídico, no xornal o Correo Gallego…
Colaborou no diario Galicia Hoxe coa súa sección semanal Cartas boca arriba.
Despois de gañar o Premio Díaz Xácome, de Mondoñedo, obtivo no ano 2006, polo seu poemario Fíos, o Premio Uxío Novoneyra das Pontes de García Rodríguez. Fíos, cun poema-prólogo de Luz Pozo Garza, foi editado por Espiral Maior no ano 2008, a mesma editorial que publicou, en decembro de 2010 o seu segundo libro, Animal Abismo.
No ano 2011 presentou o poemario infantil ilustrado, As trovas de Midas, publicado pola editorial Galebook e novidoso por estar dispoñible tanto en formato dixital (http://www.galebook.net/Midas), coa voz da propia autora, como en papel.
En decembro de 2012 gañou o premio Estornela de Teatro, coa súa obra Arlequino Viceversa, publicada na editorial ferrolana Embora.
Presentou a dramatización de dúas pezas de teatro: Lúa de Mel, publicada na editorial Laiovento, dentro do libro colectivo Banqueiros, e A morte é a túa voz ausente (editorial Pigmalión).
En xullo de 2015, publica Fin de Festa a súa primeira novela, editada por Laiovento.
[Setembro, 2015]