- [1941] Nace en Madrid o 16 de xullo.
- [1947] Pasa a residir en Almería.
- [1951-1958] Cursa o Bachalerato no Instituto de Almería.
- [1958] Traslado a Madrid.
- [1958-1959] Cursa o Preuniversitario no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.
- [1959-1967] Estudia enxeñería industrial na ETSII de Madrid.
Membro do TEU da súa Escola co que participa en 1964 no I Festival Internacional de Teatro Universitario en Nancy. Cofundador do Grupo de Teatro Popular (GTP) que actúa nos barrios obreiros de Madrid. Escribe as súas primeiras poesías, algunhas publicadas en Arista, a revista da Escola.
- [1964-1966] Participa no movemento universitario contra a Dictadura. Membro do Comité Executivo da FUDE en representación das Escolas Técnicas. Militancia en pequenos grupos de extrema esquerda.
- [1963-1969] Traballa como profesor de Física e Química en academias de preparación para ingreso nas escolas técnicas e dando clases particulares.
- [1968] Matrimonio en Almería.
- [1968-1969] Militancia no Partido Comunista de España (internacional).
- [1969-1974] En xuño de 1969 trasládase coa súa muller a Barcelona fuxindo da policía política. Alí continúa a militancia clandestina durante ano e medio máis e entra en contacto coa colonia galega da cidade. Traballa de tradutor de inglés e francés. Entre 1969 e 1974 traduce uns oitenta libros de xéneros moi diversos (literatura, historia, economía, arquitectura). En 1972 inicia os seus estudos de Filosofía e Letras (sección Historia) na Universidade Central de Barcelona. En 1973-1974 escribe o seu primeiro libro (de temática marxista) en colaboración con Eduardo Fioravanti, daquela exiliado en París.
- [1974] En setembro trasládase a Santiago de Compostela para facerse cargo da xerencia da Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos, onde crea o servizo editorial e organiza congresos e exposicións. En 1978 pasa a ocupar o cargo de secretario técnico do COAG.
- [1975-1977 e 1979-1981] Milita no PSG.
- [1976-1977] Participa na fundación do Museo do Pobo Galego. Ocupa a secretaría da Xunta Rectora ata 1986.
- [1976-1977] Participa na fundación da revista Negaciones con sede en Madrid e forma parte do seu consello de redacción.
- [1977-1980] Completa os seus estudos de Historia na Universidade de Santiago. Premio Extraordinario de Licenciatura.
- [1981] Publica o seu primeiro libro en galego.
- [1983] Organiza o Congreso Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración.
- [1984] Abandona o Colexio de Arquitectos.
- [1985] Organiza o I Congreso de Cidades Históricas, por encargo do Concello de Santiago, e a exposición De Rosalía a Castelao: Galicia, producida polo Museo do Pobo Galego.
- [1985] Dende novembro, profesor contratado de Historia Contemporánea da USC.
- [1986] Organiza o Congreso Internacional Castelao.
- [1987] Le a súa tese de doutoramento sobre o nacionalismo galego. Premio Extraordinario de Doutoramento. En 1989, gaña por oposición a praza de Profesor Titular de Historia Contemporánea e en 1995 a de Catedrático.
- [1988] Organiza o Congreso Os nacionalismos na España da Segunda República.
- [1990] Participa na fundación da revista A Trabe de Ouro.
- [1990-1994] Vicerrector da Universidade de Santiago.
- [1993] Organiza o Congreso Internacional Nationalism in Europe: Past and Present.
- [1995] Entra a formar parte da Fundación Vicente Risco, encargándose de dirixir a sección de pensamento político.
- [1997] Participa na fundación da revista Tempos Novos, na que colabora habitualmente como comentarista político.
- [2001] É elixido presidente da Xunta Rectora do Padroado do Museo do Pobo Galego, cargo no que segue na actualidade.
- [2004] Organiza o VII Congreso da Asociación de Historia Contemporánea sobre Memoria e Identidades.
- [2007-2008] Recibe o Premio da AELG (modalidade de Ensaio), o Pedrón de Ouro, o Premio Losada Diéguez á Investigación, o Premio da Crítica de Galicia á Investigación e o Premio Nacional de Ensaio.
[Marzo, 2009]