Se me teño de caracterizar, digo "fóra das estatísticas". Penso que é unha das expresións que mellor me define. E para un espazo como o da Aelg, talvez o dato máis rechamante da miña biografía sexa que logo de vivir case toda a vida fóra de Galiza, no verán de 2008 regresei coa intención de me estabelecer definitivamente na nosa terra. Tiña xa corenta e tres anos.
Nacín en 1964 en Ourense, na rúa do Vilar, aínda que miña mai é de Guntimil e meu pai era do Mosteiro, dúas aldeas da comarca da Limia, preto de Xinzo. A familia transmitiume humildade, sinxeleza, moita consideración para os outros e unha cultura baseada no duro traballo da terra, na relixión e na superstición, no querer e no cariño extraordinarios que nos identifica como galegos. Despois, vivín en Oviedo, en Cataluña (case vinte e cinco anos), en Majadahonda (preto de Madrid) e no Reino Unido, alén de ter viaxado por moito mundo, ás veces por motivos profesionais e ás veces polo puro gozo da viaxe.
En Cataluña estudei primeiro Veterinaria, profesión á que lle dediquei apaixonadamente oito anos da vida, seis traballando con fauna salvaxe e outros dous como veterinario de matadoiros. O de pórme a escribir veu máis tarde e levoume a estudar Filoloxía Galega, tamén en Cataluña. Após moitos anos de combinar estudos e traballo acabei esta licenciatura, que me fixo redescubrir a lingua galega nunha dimensión rica e expresiva que eu antes descoñecía.
Debería dicir aquí tamén que viaxar, botar tanto tempo fóra da terra e a propia inquedanza vital persoal fóronme conformando como un mestizo cultural: novas linguas, novos estilos de vida, novas maneiras de percibir ou de interpretar, adaptación e máis adaptación, xeitos tan diferentes de encarar a morte... No seu momento, todo isto formuloume un interrogante sobre a miña identidade. Até que punto son galego? Até que punto son catalán? Son realmente de algures? Mais axiña decidín non andar matinando moito e pensei que debía sentirme afortunado, por poderlle tirar proveito a tanta cousa boa que se atopa en todas as culturas.
A mudanza da orientación profesional da miña vida, das ciencias para as letras, foi un proceso que se desenvolveu con vagar. Coido que a fascinación pola escrita abrollou ao mesmo tempo que unha necesidade radical de comunicación. Comunicación coa vida, comunicación comigo mesmo e comunicación cos outros. Necesitaba comprender e comprenderme. E logo despois expresarme, intervir.
Para alén diso, namoreime -literalmente- da lingua galega. Decateime de que as palabras e as expresións galegas resoaban en min cunha forza e cunha emoción moi superiores ás das outras linguas que tamén uso. E á ansia, xuntóuselle a creatividade, a sensación de liberdade e de pracer a través da escritura. Con isto, xa, si que estaba engatado: non quería -ou se cadra non podía- soltarme.
Polo camiño houbo traballos como tradutor, colaboracións na revista Integral, en El Periódico de Barcelona e en Vieiros. Como escritor, até o de agora viron o lume dúas publicacións: a novela curta Os paxaros tamén migran ao sur e o conto educativo A historia da Bavar e do Kiwi, os osos do hospital de fauna de Vallcalent.
Os paxaros tamén migran ao sur recibiu o premio Terra de Melide no ano 2006. Foi editado por Xerais en 2007.
A historia da Bavar e do Kiwi publicouse en catalán, aranés (occitano), castelán, aragonés, éuscaro e en galego, no ano 2001. Os 27800 exemplares do conto editados noutras linguas que non eran a galega empregáronse para o proxecto educativo "Contacontos nos Pireneos", que se desenvolveu ao longo de dous anos na Cordilleira Pirenaica, coa participación de dúas ONG e de administracións con competencias no ambiente e no ensino. Concentrouse nunha tripla vertente: a recuperación da narrativa oral, o fomento da lectura e a educación ambiental. Por outra parte, os 1200 exemplares editados en galego enviáronse gratuitamente a centros educativos de Galiza, como doazón para a súa biblioteca. Alén de autor do texto do conto, fun membro do equipo itinerante de contacontos e o coordinador do proxecto.
[Marzo, 2009]
[Fotografía de Sònia Balcells]