Chelo
Suárez

Nacín na Coruña, no barrio de Santa Lucía, no seo dunha familia mariñeira. A miña vida transcorreu entre medrar, ler e aprender todo aquelo que non figuraba nos libros. Da man do meu avó mergulleime no realismo máxico. Levábao el no sangue coma levaba o mar, así como nos beizos levou sempre a palabra, e rexistradas na alma as rutas dos océanos. Podo dicir que aprendín a ler denantes que a camiñar. Ao lado e fronte da casa había dúas librarías. Nelas pasaba horas, sempre cobizosa dos libros. Na casa o meu centro de lectura era un faiado cheo de mazás. Entre o recendo da froita causante do pecado primixenio, relacioneime cos grandes da literatura. Ler, escribir, non imaxinaba para min outro futuro. Mais os pasos leváronme, sen abandonar a miña grande afección, por outra ruta. O Ballet Galego e con el a Venecia e outras fermosas cidades europeas, onde empezaron a xermolar esas obras que sen sabelo xa estaban en min. Logo desas viaxes o Amor, con maiúscula, estaba a esperarme nunha volta do carriño. Casei, tiven fillos e xa criados, volvín ao meu. Escribir. Podería contar moitas máis cousas dunha vida trepidante e intensa pero iso xa sería coma comezar un libro.

O meu perfil:
No areal da praia, inda fica o sitial do meu corpo adolescente. Estatuíña de sal inacabada.

[Outubro, 2008]