María Xesús
Lama

María Xesús Lama López (Lugo, 1964) estudiou Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela (1987) e doutorouse na Universitat de Barcelona (2002) cun traballo sobre a apropiación dos materiais lendarios celtas e da materia de Bretaña na literatura galega contemporánea.

A súa investigación céntrase na interrelación entre o proceso de construción nacional e a literatura en Galicia e desenvólvese en tres direccións principais nas que se centran as súas publicacións: a vida e a obra de Rosalía de Castro como escritora fundacional da literatura galega, o tratamento literario da suposta orixe celta de Galicia e a literatura da emigración e o exilio. Publicou tamén traducións do alemán e do inglés ao galego.

É co-directora da revista Abriu. Estudos de textualidade en Brasil, Galicia e Portugal, e tamén foi co-editora do epistolario entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, así como do epistolario dixital de Rosalía de Castro no Consello da Cultura Galega.

[Febreiro, 2021]