Son moi pouco dado a este tipo de escritos, asépticos, inútiles e mentirosos que aspiran a conxelar o fluxo do tempo nunhas cantas liñas de vocación formularia. Así que compuxen esta historia, que, é verdade, parécese á miña.
Nacín o 16-6-60, n'As Lamelas, unha casiña de Riopedroso (Laxe) que está soa no medio de todos os verdes que descenden a Serra do Faro. E puxéronme a andar camiños que me levaron a Chantada, a Lugo, a Madrid, de onde retornei a Chantada polos libros, por aqueles libros que incluían poemas de Rosalía e de Curros que me sabían a palabras de auga fresca naquela Castela tórrida, árida, estraña.
Por evolución natural pasei dos cómics da Marvel á novela picaresca, primeiro, e ás novelas-western de Zane Grey despois, por evolución natural: non había máis títulos no bibliobús. Despois habían vir Dostoievski, Faulkner, Mann, Dos Passos, Pessoa, Kafka... xa nin lembro a súa orde. Por decantación lóxica comprendín que os heroes eran moi importantes para unha nación; por decantación lóxica preguntábame que nación era España se o seu meirande heroe, O Cid, mesmo traballara para o árabe inimigo. E quen sería Breogán?
Mais esta pregunta deixou de ter importancia logo do regreso. Eran tempos de esperanza, e cando o sangue mozo arreita polas veas non reparas en preguntas deste estilo. Si, os oitenta do século pasado foron tempos de esperanza, no entanto recoñecía Galiza apaixonadamente, lía libros raros e estudaba para me licenciar en galego-portugués-subsección hispánicas. Nos derradeiros anos de carreira tomei parte no inicio e primeiros números daquel ilusionante proxecto que foi a revista Ólisbos.
No 88 comecei a publicar crítica literaria en A Nosa Terra, e desde entón deica hoxe; isto, no 2004, valeríame o Premio á Colaboración Editorial que concede Edición Xerais. Na década dos noventa, acompañei este labor cunha intensa dedicación á dinamización cultural na bisbarra de Chantada. Froito diso foron as colaboracións nas revistas Achantada e Alem-parte (2a época), a coautoría dun libro sobre a figura e obra do cura poeta Avelino Gómez Ledo co gallo do seu centenario, e a co-creación e coordinación da 1ª edición do Certame Mundanal de Contos Ultralixeiros, primeiro premio literario de micronarrativa xurdido na Galiza. Tamén nesta década participei na Historia da Literatura Galega promovida pola ANT e ASPG, co fascículo relativo á historia da narrativa actual e dúas antoloxías da narrativa actual (mostra de xéneros e tendencias actuais).
E Breogán? E os heroes? Agora, encetada a nova centuria, sigo convencido da súa importancia, mais xa non me pregunto tanto por eles, quen lea a Contelación de Ío entenderá ben as razóns.
[Xuño, 2006]