Nacín un día de moita calor, o 20 de agosto de 1978; quizais por iso me gusta tanto o sol, a praia, o ceo azul, o mar,... Quizais por iso gusto tanto das paisaxes da Costa da Morte, quizais por iso quixera retratalas nos meus relatos. Quizais por iso.
Pasei a infancia en Cee, onde aprendín de meus pais a importancia da identidade propia e da comunicación, de aí a necesidade de expresarme e contar cousas. Sempre estiven rodeada de libros, o que fixo agromar os meus intereses literarios.
Na escola, animada polos mestres, comecei a presentarme a diversos concursos literarios, e acadar algún premio. O primeiro recibino da A.C. O FACHO, no ano 1986. Aínda que comecei escribindo contos, no ano 1989 levei o meu primeiro premio de poesía, da man da A.C. XERMOLOS, no certame literario "Terra Cha".
A primeira novela naceu case froito da casualidade, tamén nun verán; pero este chuvioso e gris. De cativa pasei as épocas estivais xogando na aldea de Lires. Unha tempada dun dos veráns deu en chover, e ao non poder saír á rúa busquei a diversión sobre o papel, inventando unha aldea para min, un tempo e unha historia.
Así naceu e así medrou Bramido Maino, coa única intención de divertirme, sen outra pretensión. A sorpresa foi que resultara merecedora dun accésit no certame Rúa Nova, e, posteriormente, publicada por Edicións do Castro. Desde entón, gústame tanto a chuvia coma o sol.
Pola miña teima de unir estados opostos, como estes da chuvia e o sol, marchei á Coruña, a estudar Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, por ver se da combinación dos números e letras xurdía un produto tan fermoso como o arco da vella. Así seguín escribindo, lendo, soñando... creando historias.
Recibín dúas bolsas de creación literaria promovidas pola Consellería de Cultura, participei en mesas redondas (Biblioteca de Narón ou Colectivo Elvira Bao), recitais poéticos (Galería Sargadelos, Batallón Literario da Costa da Morte, ...) fórums literarios con alumnos e alumnas, e nas campañas "Fomento da Lectura" e "Os nosos escritores" da Xunta de Galicia. Presentei o volume Achegamento ó libro do que son coautora, participei como relatora nas IV Xornadas de Normalización Lingüística (2004) e no II Simposio Letras na Raia (2006). Fun a pregoeira da XIX edición de "A Festa das Letras" (Ponteceso).
Desde xullo de 2006 son articulista semanal no diario La Voz de Galicia, porque ademais de soñar, gústame vivir cada momento da vida cotiá.