Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967)
É profesora de estudos galegos e portugueses e investigadora de ADHUC–Centre de recerca Teoria, Gènere, Sexualitat na Universidade de Barcelona. A súa investigación artéllase arredor da crítica literaria feminista, a cultura popular e a teoría das emocións. Publicou numerosos artigos e capítulos de libro sobre cultura galega (Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís Seoane, Xohana Torres, Luz Pozo, María Mariño, Ana Romaní, Chus Pato, Margarita Ledo, Teresa Moure, María Reimóndez, Emma Ríos), autoras brasileiras e portuguesas (Carol Bensimon, Hilda Hilst, Raquel Freire), as escritoras-testemuño da represión franquista e nazi (Mercedes Núñez, entre outras) e mais as relacións entre as culturas galega e catalá (Basilio Losada, Maria-Mercè Marçal, Maria Antònia Salvà).
Preparou escolmas da poesía galega como Upalás, de Rompente, con Iris Cochón, A tribo das baleas, Rías de tinta con Francesco Ardolino e Marta Segarra e mais Rosalía feminista.
Traduciu ao galego Capital de la douleur=Capital da dor, de Paul Éluard, con Laurence Brault, Mil cretinos de Quim Monzó, e Estimada Marta=Amada Marta, de Miquel Martí i Pol. Verqueu do galego ao castelán a antoloxía bilingüe Basálticas e o poemario A desvértebra=La desvértebra, ambos libros con poemas de Ana Romaní.
Coordina, con Mariám Mariño, A Saia: publicacións periódicas feministas e LGTBIQ+ (coedición de ADHUC / Consello da Cultura Galega) e codirixe a colección Género(s) de Edicions UB, con Mariela Fargas.
Foi directora do Centre Dona i Literatura (2014-2016), de ADHUC-Centre de recerca Teoria, Gènere, Sexualitat (1916-2024) e das revistas Abriu: estudos de textualidade do Brasil, Galicia e Portugal e Lectora: revista de dones i textualitat. Formou parte do consello de redacción do Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos. Colaborou no Diario Cultural da Radio Galega e, como crítica de poesía, na revista Grial e Revista das Letras.
En 2017 nomeárona correspondente da Academia Galega e en 2021 recibiu a medalla de honra do Consello da Cultura Galega.
[Agosto, 2024]