Rosa
Enríquez

Puxéronme Rosa, Enríquez polo meu pai e Noya pola miña nai. Eu preséntome como Rosa Enríquez (é máis curto para asinar calquera escrito). Nacín na Rúa, na envoltura das montañas, cando os yankies chegaron á lúa e foi na Rúa onde medrei e cociñei os primeiros versos. Aos once anos gañei un premio por un poemiña curto titulado Soa na praia.Logo, no instituto, fixen máis poemas e gañei outros premios pero, un bo día deixei de escribir. Non sei moi ben que aconteceu pero parei. Cheguei a Santiago e a cidade arrastroume. Saín moito, traballei como unha formiguiña e coñecín moita xente. A facultade pasou a un segundo plano. Digamos que esperaba outra cousa. Maliatodo fixen hispánicas e aprendín moita historia da literatura, moita lingüística xeral e moita historia do español... Pero xamáis falamos na clase da amargura vital de Quevedo, dese odio bífido que trasladou á súa obra nun sentido real, do moito que lle debeu pesar o tempo e de tanto amor como meteu no caldeiro do lixo... Alí todo pasaba polo tamiz teórico-crítico-literario de persoas de grande prestixio, que parecían sabelo todo dese "momentus maximus" desa "poiesis" que ocupaba o territorio mental dos nosos clásicos como se os poetas non fosen máis que iso, poetas. Ante esta situación, fuxín un pouco dese mundo das aulas de filoloxía e pouco a pouco minimiceime nunha rosa pequeniña, diminuta...

Non sei,

o academicismo caeume enriba, proxectoume ás aforas.

E nas afóras vivín moito tempo, enfadada, decepcionada, triste. Porén, como cando quero sei ser moi boa rapaza, preparei as oposicións de francés e nun ano e medio aprobei. Entón cheguei definitiva a un instituto de Boiro no que botei cinco anos que foron determinantes na miña vida porque, pouco a pouco, volvín ao principio da miña esencia, a ese natural abstraído que me empurra a confraternizar cos significantes e soltar a metralla toda que levo. Non sei, pero, ás veces, síntome case importante neste caos de urxencias que vivimos e dame por pensar que me domina unha especie de determinismo poético (teño que deixar de ler revistas esotéricas) que me conduce ata a poesía como os ríos van dar ao mar, pero non como morte, senón como prodixio, como elixir, como fonte? Así cheguei de novo ao principio, a miña orixe, á palabra pensada e escrita.

Esa palabra que me recibe coas sílabas abertas para que estea tranquila e, como dí Estevo Creus, saiba que me queres e que non existe o espanto...

CONCLUIR NOS BEIXOS endexamáis prestados

acariñar con eles os tremores,

eses que medran no meu lombo

asustado e doente,

agatuñados nas feridas.

Querendo durmir un pouco as inquedanzas

nas pálpebras silentes do teu acougo,

case consigo envelenar a raiba,

case podo encher as extensións

da miña autoestima hospitalizada

no berce do teu acariñar.

Cuspirei en necesidades de voar nas rochas para saír...

Para non permanecer nas cousas alleas.

Teño a liberdade tan emigrada¡

Fóra,

todo está fóra.

Nas aforas collerei os barcos

para acadar a outra Rosa,

a que vive nas palabras.

Sen pel.

Sen túnica.

(Poema final do poemario Nas aforas)