Olegario Sotelo Blanco
Perfil biográfico
Editor, escritor e xornalista, naceu en Quintela de Mazaira (Castro de Caldelas, Ourense) en 1945, e residiu en Barcelona desde comezos dos anos sesenta ata o 2005, ano no que decide volver para Galicia.
É autor das seguintes obras: Galicia, pueblo emigrante. ¿Por qué? (en colaboración con A. Armesto Pontón; 1978), Castro Caldelas y su comarca (1981; 2ª ed., 1989), 88 gallegos. Una tierra a través de sus gentes (2 volumes; 1983), Hermano Antonio (1989), Justo Molinero. El gran comunicador (1990), Conversas con Xaime Quessada (1991), A emigración galega en Catalunya (1991), Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas (2 volumes; 1992), El problema de la vivienda. La pesadilla de encontrar un piso hoy (1993), A concentración parcelaria (en colaboración con Manuel Mandianes Castro; 1994), Contos de indianos (1994), Os afiladores. A industria ambulante (1994), A volta ós mundos de Tucho (1995), El viaje de la vida (1997), Non houbo queixa e outros contos exemplares (2001), Perfiles del Guinardó (2002). Interesado desde moi novo pola salvagarda da lingua e a cultura galegas, case extintas logo de corenta anos de uniformismo e censura, dedicou os seus primeiros esforzos á promoción de iniciativas de carácter normalizador e no 1980, co propósito de colaborar no proceso de recuperación do idioma e a cultura galega, creou Sotelo Blanco Edicións, editora que moi pronto se situaría na primeira fila de entre as que publican en galego. Na mesma liña, e logo de poñer en marcha en Santiago de Compostela a distribuidora de publicacións Soteblan, S. L., fixo realidade un par de iniciativas paralelas: o periódico Concellos 12, como cabeza de entrada no ámbito da prensa comarcal e, en 1990, a revista cultural de pensamento crítico A Trabe de Ouro.
Sotelo Blanco Edicións, con sede en Santiago de Compostela, comezou a publicar en galego ás ata daquela plumas prohibidas ou censuradas polo franquismo e que aínda non atoparan acomodo na Galicia democrática, a comezos dos oitenta aínda carente de infraestruturas culturais de primeira orde. Máis de mil títulos de poesía, narrativa, teatro, ensaio, literatura infantil e un longo etcétera conforman o catálogo da que hoxe é a editorial independente máis importante das que en Galicia publican en idioma galego. Manuel Rivas estreouse nesta editorial, por poñer un exemplo. Tamén publicaron nela, traducidos ó galego, autores cataláns como Antoni Marí, xunto a outros moitos.
É un entusiasta da obra do xenial Gaudí, e durante anos dispuxo da planta nobre do edificio coñecido como «La Pedrera», que restaurou no posible. Alí instalou unha galería de arte -Sala de Arte La Pedrera- e promoveu múltiples actividades culturais: exposicións de libros, conferencias, debates, mesas redondas... sempre na procura dunha maior irmandade entre dúas culturas históricas e amigas -e que son as súas propias-, a catalá e a galega.
No 1993 creou en Barcelona Ronsel Editorial, editora que publica tanto literatura en castelán coma traducións a esta lingua, entre elas especialmente obras de autores galegos ou portugueses como Xosé Luís Méndez Ferrín, José Saramago...
Colaborador habitual en prensa, radio e televisión, tanto en Galicia coma en Cataluña, -participou coa sección «A fiestra» no programa Lonxe da Terra, en R.M. Radio-, fundou e dirixiu en 1985 Radio Amistad, emisora de F. M. que pecharía ó pouco tempo a Generalitat de Cataluña por razóns administrativas. As súas repetidas solicitudes das correspondentes licencias para levar a cabo proxectos radiofónicos similares en Galicia e Cataluña non tiveron éxito polo momento.
A súa conciencia de emigrante levouno a escribi-los seus primeiros libros e artigos xornalísticos, reflexionando sobre esta condición de traballador expatriado. A conflitividade social, política e psicolóxica derivada da experiencia da emigración foi obxecto de estudo -recorrerte por parte- deste autor, que a sufriu en propia persoa. O ensaio A emigración galega en Catalunya ou a novela El viaje de la vida son outras mostras do compromiso cívico e intelectual do escritor respecto do conxunto dos galegos que viven lonxe dunha terra á que non deixaron de amar.
Do seu compromiso coa realidade galega, emana ademais outra vertente caracterizada pola reivindicación do mundo rural daquel país, ó que dedicou traballos etnográficos como Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas, ou a monografía Os afiadores. A industria ambulante.
Fixo as súas primeiras obras de creación literaria co relato infantil A volta ós mundos de Tucho, os seus recoñecidos Contos de indianos ou o libro, Non houbo queixa e outros contos exemplares, onde narra as peripecias de emigrantes e turistas galegos pola illa de Cuba.O mesmo tempo, é un dos construtores máis reputados do barrio do Guinardó de Barcelona desde hai case tres décadas. A súa experiencia do mundo inmobiliario levouno a publicar hai uns anos o libro El problema de la vivienda, prologado por Manuel Vázquez Montalbán, onde, dun modo práctico, analizaba a evolución do urbanismo na Barcelona pre e postolímpica, non só desde o punto de vista público senón tamén privado.
Se cadra foi esta actitude de facer da súa vida un compromiso o que o levou no seu día a impulsa-lo 1 Primeiro Congreso Internacional da Emigración e Mundo Rural Galegos ou a presidi-lo Centro Galego de Barcelona.
No ano 1993 creou a Fundación Sotelo Blanco na que se expoñen obras de arte, organiza xornadas de irmandade con asociacións culturais e co-patrocina actividades de investigación para recupera-la memoria galega a través do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, e xunto co Museo de Antropoloxía, que naceu cun ánimo de amosar á xente, sobre todo á máis nova, todo aquilo que tivo un significado vital na nosa Terra e que pouco a pouco está a desaparecer. No ano, 1995, puxo en marcha unha nova iniciativa periodística, a revista Galicia Internacional.
O seu decidido compromiso con Galicia fixo que no seu día lle concedesen o Pedrón de Honra (1992), ou o nomeamento de «Galego Egrexio» pola Fundación Premios da Crítica (2001). Viviu en Barcelona nas últimas tres décadas e desde agora vivirá maiormente en Santiago de Compostela, desde onde traballará sen facer ruído, sen estorbos nin boatos.
Home tímido e estudoso, amigo dos seus amigos, tamén das boas viandas, isto procuroulle non poucas amizades do mundo da restauración, incorrendo mesmo puntualmente nese negocio, fiel ó seui deario: traballar por Galicia tanto como por Cataluña, a súa amada segunda patria, pero mirando sempre cara a adiante, procurando fuxir do estado de permanente provisionalidade que dá a condición de emigrante. Neste senso, pode dicirse que soubo construí-los seus propios fundamentos para, desde aí, edificar unha obra sólida e sen fisuras que empequeneza a circunstancia de non ter podido vivir na terra que o viu nacer.