Yolanda
Castaño

Yolanda Castaño naceu en Santiago de Compostela en 1977, na Coruña licenciouse en Filoloxía e realizou estudos audiovisuais. Activa dinamizadora cultural que fundou a súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña en 2019, dende 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais: o ciclo de recitais mensuais POETAS DI(N)VERSOS na Coruña (Premio da Crítica Galicia á mellor Iniciativa Cultural 2014), o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” na illa de San Simón. Alén diso, ofrece obradoiros literarios, recitais, videopoesía e outras mostras do seu traballo dentro e fóra do país, por toda Europa e América, ademais de Tunisia, Marrocos, Cabo Verde, Palestina, India, China ou Xapón. Durante anos traballou en televisión (Premio Mestre Mateo Mellor Comunicador/a de TV 2005) e publicou columnas en distintas cabeceiras galegas. Foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traducións de poesía e de edicións literarias. Aparece representada en numerosas revistas especializadas, libros colectivos e antoloxías tanto galegas como estatais e estranxeiras, así coma en numerosos festivais internacionais de poesía de ata corenta países, téndose traducido en parte a máis de trinta linguas distintas. Por todo iso, a tamén colaboradora de televisión cun Mestre Mateo á Mellor Comunicador/a en 2005 é un dos rostros máis populares e internacionais da poesía galega.

Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009 (ao mellor poemario publicado en España por un autor/a mozo/a, escollido tamén por El Cultural coma un dos 5 mellores libros de poesía editados ese ano en España), Premio Fundación Novacaixagalicia, “Autora do Ano” nos Premios Irmandade do Libro 2014, Premio Estandarte ao Mellor Poemario publicado en España 2020 e Finalista do Premio Nacional de Poesía entre outros recoñecementos, Yolanda Castaño

conta con seis poemarios individuais (entre os que salientan Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoísta, Profundidade de Campo ou A segunda lingua), edicións bilingües dos mesmos (para España e Latinoamérica) en Visor libros, un par de escolmas persoais (bilingües, con música, en Cómic-Poético...), algunhas plaquettes (en castelán, alemán, croata, macedonio e chinés), libros individuais en inglés, francés, italiano, serbio, macedonio e armenio, e seis libros de poesía infantil, ademais de obras asinadas como editora, biógrafa e tradutora. Con máis de 25 anos de traxectoria na poesía galega, desenvolve multitude de experiencias que mesturan a poesía con outras linguaxes creativas (música, plástica, audiovisual, arquitectura, banda deseñada, cine en 360º, danza e ata cociña), ben en solitario ou en colaboración con outros artistas. Foi distinguida con varias bolsas internacionais de creación en residencia: en 2011 no IWTCR de Rodas (Grecia) e mais na Villa Waldberta (Múnich), en 2014 no HIP-Beijing (China), en 2016 no Castelo de Hawthornden (Escocia), en 2021 en Valparaíso (Andalucía) e en 2022 na Residencia Saari (Finlandia).

[Xaneiro 2022]