Naceu en Lugo, moi preto da muralla, nun chalé que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos espacios aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos.
Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal. Desde neno escribiu versos. Proximamente editará As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002).
En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Tén dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo.
É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.
[Xuño, 2003]