SOCIO DE HONRA DA AELG. Letra E 2012 - Ribadeo.
Nacín en Tarragona, cidade a onde meu avó paterno, que era de Nois (Foz) e militar, foi destinado. Meus pais tamén naceron nesa cidade.
Meu pai, que era secretario de administración local, tivo o seu destino na Pobra do Caramiñal. Pero miña nai, que era moi catalana, quixo que eu nacese en Cataluña e levoume a ver a primeira luz ao Mediterráneo. Na Pobra, e logo en Ribadeo, o segundo destino, falábanse tres linguas na casa: o catalán entre os meus pais e a miña nai comigo, o castelán do meu pai, que era de mentalidade "conservadora", comigo e meus irmaos, e o galego das criadas entre elas e, por veces, tamén connosco. Eramos cinco irmaos e agora catro, pois o pintor Rafael Baixeras faleceu. Antonio R. Baixeras escribiu narrativa e Enrique Baixeras foi un dos pioneiros do cine galego de comezos dos setenta. Teño tamén unha irmá.
E alá estabamos todos en Ribadeo pasando unha fermosa, aínda que ventada, nenez, estudiando coas Monxas e logo cos Hermanos de la Instrucción Cristiana e de exámenes públicos por Lugo, cando meu pai decidiu trasladarse a Segovia como secretario da Deputación. Tiña eu doce anos. Aínda que o cambio foi moi considerábel, non chegou a ser total, pois os veraos, que daquela eran longos, pasabamolos en Ribadeo, na mesma casa onde vivíramos antes e que fora construída pola miña bisavoa, a señorita de Nois, a finais do século pasado. Tamén coñecín a aldea: de cando en vez, no verao, meus pais desfacíanse de min na casa de Nois, onde entón rexía unha filla da devandita señora.
En Segovia estudiei o bacharelato nun colexio claretiano e fixen a mili. Coñecín a universidade de Valladolid, onde fun alumno do pai de Emilio Alarcos, e, con máis demora, a de Madrid, onde me licenciei en Filoloxía Románica. En xeral, non gostei do ambiente, e iso que vivín sucesos tan soados como os do 68. O mellor, no bar. Vivín nun colexio maior deses de criada con cofia e gravata obrigatoria no comedor. Un día, lin no ABC que se daban clases sobre Galicia na delegación da UNESCO, e alá fun. O director do asunto era unha persoa entrañábel, Ben-Cho-Sei. Durante un tempo, desembocamos todos na casa de Reimundo Patiño, onde aínda quecía o último remol da Brais Pinto. Patiño, "raio tolo", presencia arrebatadora, duradoira amizade. Desa época é a miña primeira publicación en galego, un poema titulado "Os solpores de Gloria", que saíu na revista católica progresista Signo, en número especial dedicado a Galicia.
Cando, no ano 1970, me despedín de Segovia, pois meu pai pediu o traslado para A Coruña, déronme un premio por un libro de poesía -que publicaría ao ano seguinte en Salamanca-, La ciudad sumergida, dedicado a Segovia, cidade que sempre amei. En A Coruña dei as miñas primeiras clases, no instituto "La Milagrosa" (actualmente "Ramón Puga"). Casei e, dalí a un tempo, saquei unhas oposicións de agregado de instituto, con praza en Palma de Mallorca, onde vivín tres anos. Integreime ben, en parte gracias ao meu coñecemento do idioma e á amizade co poeta Josep Mª Llompart, cuxa encantadora esposa era compañeira no instituto.
Pero mudaron os tempos e eu, aínda que estaba ben na illa, devecía por ver como mudaban en Galicia. Así que pedín traslado para Vigo, cidade coa que non tiña nada que ver, pero que me parecía entón axeitada no caso de me establecer nesta terra. Comecei a entrar en contacto con escritores e xente da cultura de aquí, a estudiar en serio o galego e a cultura galega, a escribir libros nesta lingua -xa pasaba dos trinta anos cando publiquei o primeiro-, a frecuentar Portugal e a traducir. Tamén fixen algunhas viaxes interesantes, á Rusia do antigo réxime, a Puerto Rico, a Perú... Teño dous fillos varóns e unha femia.
E velaquí me tendes, na cidade estrépito de Ferrín, esperando a xubilación e, sobre todo, o verao. O verao de Nois, onde enterrei aos meus pais.
[Xullo, 2003]