Víctor Fernández Freixanes naceu en Pontevedra o 24 de agosto de 1951. En 1973 licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, nunha altura en que xa se dedicaba á crítica e á creación literaria, embora fose en español.
Tras unha estancia en Madrid, regresou á Galiza, primeiro a Compostela -onde dirixiu durante uns meses a Aula de Teatro da Universidade- e posteriormente a Vigo. Nesta cidade traballou no Departamento de Actividades Culturais de Radio Popular, exerceu como profesor colaborador no Instituto de Ciencias da Educación da USC e iniciou o seu intenso labor xornalístico en imprensa, radio e televisión. En 1976 publicou o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos, en que recolle conversas mantidas con doce personalidades da nosa cultura. Catro anos máis tarde gañaba o Premio Modesto R. Figueiredo de Narración Curta co relato A caza das cascudas e resultaba finalista en Niza do Premio Internacional da Prensa por Manuel González Fresco. Memoria dun fuxido (1980). Mais sería a súa novela O triángulo inscrito na circunferencia (1982) -coa que gañou o Premio Blanco-Amor e os da Crítica galega e española- a que o convertiría nun referente da nosa narrativa. Desde ese momento deu á luz O enxoval da noiva (1988) e A cidade dos Césares (1993) e coordenou o ensaio colectivo Galicia, unha luz no Atlántico (2001), mantendo ademais un estreito vínculo co mundo editorial.
A actividade docente iniciada no ICE tivo continuidade na cátedra de Lingua e Literatura Galegas que ocupou nun Instituto de Bacharelato de Vigo e na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago, onde actualmente exerce como profesor titular.
En xuño de 2002 foi proposto para ocupar na Real Academia Galega a cadeira que ficou baleira após a morte do seu amigo Carlos Casares , a quen substituíu igualmente como director xeral da Editorial Galaxia.
[Febreiro, 2002]