(1926 - 2015)

María do Carme
Kruckenberg

SOCIA DE HONRA DA AELG. Letra E 2006 - Vigo.

Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo naceu en Vigo o 3 de xuño de 1926. Estuda na mesma cidade, no colexio alemán; co gallo da guerra europea non pode rematar os estudos ó pecharse o colexio. Négase a comenzar de novo nun instituto, xa que ten que examinarse do primeiro outra vez. Así que estuda pola sua conta, idiomas, historias, ciencias, literatura, etc, etc. Pódese dicir que é unha auténtica autodidacta. A meirande parte dos seus coñecementos débellos ó seu pai que lle infundiu verdadeiro amor polo coñecemento.

Casa no 1949; despois de visitar Francia e Italia viaxa a Arxentina. Vive en Bos Aires catro anos. No Río da Prata coñece a elite dos escritores arxentinos e de moitos mais países de América, refuxiados políticos, así como a galegos e españois que están na mesma situación. Un dos máis importantes foi Castelao, con quen estivo dúas veces falando de política e literatura, en maio e mais en novembro do 49. Dous meses antes do seu pasamento.

Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Xabier Bóveda... Foi unha gran amiga de Rafael Alberti e Mª Teresa León, os seus pais da Arxentina, como ela os define. Na casa dos Alberti coñece a Miguel Ángel Asturias, Gloria Alcorta, Oliverio Girondo e Nohra Langue, Estela Canto, Mª Rosa Oliver, Salazar Bondi, Guillermo de Torre; foi Guillermo de Torre que a presenta ao seu cuñado Jorge Luis Borges, con quen se reúne todos os mércores no Richmond da rúa Suipacha. Alberto Girri, un dos grandes poetas xunto con Olga Orozco. O editor Losada, etc.

Sepárase do seu marido en 1953 e volve á súa terra no mes de marzo. Ese mesmo ano na casa dos García Lorca coñece a Vicente Aleixandre e a Dámaso Alonso. Nas reunións no Café Gijón trata moi especialmente a Gerardo Diego. Nestes anos escribe, Cantigas do vento e Los parajes inmóviles, Rumor de tiempo, editados en 1956 e 1958.

En Bos Aires escribe e publica Las palabras olvidadas, un cartafol de tres poemas adicado á paz, para o Congreso da Paz de Viena, 1950. En 1958 fai un libriño para a sua filla, Farol del Aire. Nestes anos viaxa constantemente e remata en Saint Jean de Cap Ferrat Poemas inevitables (en castelán). Para a Col. Alrededor de la Mesa, Bilbao 1962, os Poemas y Canciones de aquí y de allí. Ese mesmo ano na Col. Salnés de Galaxia "Canaval d'Ouro".

Volve a viaxar por Francia e Italia e varias veces a Portugal. No 1964, Tauromaquia en linea y verso con debuxos da autora, libro que gustou especialmente a Vicente Aleixandre. 1969, Memoria de mi sueño. 1972, Cantigas de amigo a Ramón G. Sierra do Pampillón. A Sombra ergueita, Ed. Castrelos 1976, (un dos seus mellores libros en galego, escribiu Xesús Alonso Montero). Dende esa data ten un tempo de silencio, morre o pai no 72 e ponse a traballar primeiro en seguros e logo durante once anos nos Laboratorios Servier como delegada científica. Rompe ese silencio a morte dunha amiga e profesora da súa filla Cristina, recompilando varios poemas que tiña sen editar, 20 poemas rescatados del olvido y una elegía a Chuca Pereda, 1983.

Durante estes tres anos que non editou nada, sae en 1986, en Ed. O Castro Cantigas para un tempo esquencido. En 1990 fai xunto con Antón Goyanes un cartafol de cinco poemas ao mar, Ardora, para Baiona Horizonte Atlántico que leva así mesmo 5 gravados en cor. 1992 Ed. O Castro, novamente, Alegoría do ensoño ferido. O Concello de Vigo edita en 1996, os Poemas inevitables na versión galega que fixo a mesma autora. 1997, sae en edición non venal 21 poemas nun grido de luz e Mediacións á beira da noite, non venais tamén. 1998, CC.OO. edita Mª do Carme Kruckenberg e 3 poetas medievais da ría de Vigo. 1998 se edita un libro sobre os 39 países que percorreu durante estes anos: Vivir, aventura irrapetible en castelán e galego. 1999, Jazz espido, Ed. O Castro con debuxos de Eva Llorens, en galego e castelán, e o mesmo ano 1999 en Espiral Maior Poemas sen Resposta.

Na primavera do ano 2000, publica Ed. O Castro-Sargadelos os poemas editados dende 1953 ata decembro do 2000, Obra poética case completa. Ademais de poeta, Mª do Carme Kruckenberg foi autora de diferentes contos e traductora. Así mesmo, ten escrito máis de 200 artigos en revistas e diarios.

Entre os recoñecementos recibidos, destacan o Premio Alecrín 1997, a Medalla de Galicia (bronce) 1998 e seu o nomeamento como Membro da Enxebre Orden da Vieira, así como o de Socia de Honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 2006.

[Febreiro, 2002]