SOCIA DE HONRA DA AELG. Letra E 2017 - Lugo
María Pilar García Negro nace en Lugo, o 9 de Outubro de 1953. Estudos de ensino primário e secundário nesta cidade.
Aos 16 anos, ingresa na Universidade de Santiago de Compostela, para cursar Filosofia e Letras, sección Filoloxia Románica, subsección Hispánicas. Licenciatura en 1975. Cursa, por libre, Filoloxia Galego-Portuguesa, unha vez implantada esta titulación na Universidade Galega. Gradua-se en 1980 nesta especialidade.
Entre Outubro de 1975 e Febreiro de 1976, imparte docéncia de língua francesa, no Seminário Diocesano de Lugo, usando como veicular a língua galega.
Entre 1976 e 1985 é profesora agregada de Língua e Literatura Española, no Instituto de Ensino Médio "Eusébio da Guarda", da Coruña, e, na mesma cidade, no Instituto "A Sardiñeira", de 1985 a Xaneiro de 1990. Docéncia realizada igualmente en galego como língua veicular, o que lle valeu a apertura dun expediente, no curso 1983-1984, uns meses despois de ser promulgada a Lei de Normalización Lingüística. Catedrática, en 1992, por concurso, de Ensino Médio.
En Abril de 1983, defende, na Universidade de Santiago de Compostela, a Tese de Licenciatura, dirixida polo Dr. Dobarro Paz, sobre a edición crítica da poesia galega completa de Valentin Lamas Carvajal, cualificada con Sobresaliente.
En Xaneiro de 1991, defende, tamén na USC, a Tese de Doutoramento, que foi a primeira realizada sobre língua galega e lexislación iuslingüística, baixo o título "Língua galega e lexislación (1975-1986)", que mereceu a máxima cualificación, Apto cum laude.
En 1991 ingresa na Universidade da Coruña como Profesora Titular Interina, convertendo-se en Profesora Titular, mediante oposición, en Xuño de 1993. Desde esta data pertence ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística desta Universidade. A sección "O idioma", no semanário A Nosa Terra, de que se ocupou entre Marzo de 1978 e Agosto de 1979, foi a primeira do seu xénero (divulgación de bons usos na prática oral e escrita da língua) publicada en meios de comunicación galegos. No curso 1979-1980, en colaboración con Xosé Mª Dobarro, publica, no mesmo semanário, a sección "Leccións de Literatura e de Língua". Alén de neste semanário, ten colaborado noutras publicacións periódicas galegas, portuguesas, catalás, bascas, españolas.
Principais libros e artigos publicados:
-[19841, 19902] 33 aproximacións á literatura e á língua galega (1984, 1990), en colaboración con Xosé Mª Dobarro.
-[1991] O galego e as leis. Aproximación sociolingüística
-[19931, 19992] Sempre en galego
-[1995] O ensino da língua: Por un cámbio de rumo, en colaboración con Xoán Costa Casas.
-[1998] Poesia galega de Valentin Lamas Carvajal
-[2000] Direitos lingüísticos e control político
-[2001] Arredor de Castelao
-[2012] Outramente
-[2013] Cantares gallegos, hoxe. Para unha lectura actualizada de Rosalía de Castro
-[2015] No tempo de "Follas Novas". Unha viaxe pola literatura universal
-[2016] "2015-2016: 150 anos de dúas pezas fundamentais de Rosalía de Castro. “El cadiceño” e “Las literatas”", Follas Novas, nº 1, Fundación Rosalía de Castro, Padrón, páxs. 34-69.
-[2017] Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)
-[2017] "Sobre o “outro” Códeo", Follas Novas, nº 2, Fundación Rosalía de Castro, Padrón, páxs. 50-65
-[2018] Edición da Obra teatral de Manuel María
-[2019] Introdución, tradución e notas de El Grupo Nós, de Ricardo Carballo Calero
-[2019] “Falta um capítulo en El caballero de las botas azules. Ricardo Carvalho Calero", Follas Novas, nº 4, Fundación Rosalía de Castro, Padrón, páxs. 160-168
-[2020] Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións (Introdución e edición de María Pilar García Negro). Parlamento de Galicia
-[2020] Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal. Biblioteca Gallega-La Voz de Galicia
-[2020] "O pensamento de Carvalho Calero face ao control político-académico da lingua galega", en Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso. Universidade de Santiago de Compostela
-[2020] "Ricardo Carvalho Calero, construtor da lingua e da literatura galega", en Cadernos Ramón Piñeiro XXXIII, Centro Ramón Piñeiro
-[2020] Ricardo Carvalho Calero. Umha voz na Galiza. Artigos de jornal (1933-1989). Escolma (Limiar e escolma de María Pilar García Negro). Universidade da Coruña
-[2020] "Emilia Pardo Bazán. Notas para un debate necesario", Follas Novas, nº 5, Fundación Rosalía de Castro, páxs. 24-45
Ten intervido en numerosos simpósios e congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, línguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo, e publicado edicións e estudos sobre Rosalia de Castro, Lamas, Pardo Bazán, Castelao, Xesús San Luís Romero, Ramón Vilar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Manuel Maria, María Xosé Queizán, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés.
Presidenta da Agrupación Cultural da Coruña "Alexandre Bóveda" entre 1983 e 1988. Colaboradora da Federación de Asociacións Culturais Galegas, da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Língua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística e doutras institucións culturais e pedagóxicas. Cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, na Galiza, de 1985 a 1990.
Membro do Consello de redacción de Altres nacions, da Revista de Filoloxía da Universidade da Coruña, do Padroado da Fundación Terra e Tempo e da Fundación Rosalía de Castro. Socia Ad Honorem da Asociación de Mujeres Investigadoras e Tecnólogas desde 2018. Presidenta da Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura. Membro do Consello de Redacción da revista Follas Novas, da Fundación Rosalía de Castro.
Membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico desta.
Militante do movimento nacionalista desde 1975-1976. Deputada, polo Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... teñen sido as matérias de atención preferente. Á sua iniciativa debe-se a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os direitos das mulleres", en funcionamento desde 1994.
Premio da Ínsua dos Poetas. A Esgueva-Madarnás-Ourense. 19 de xullo de 2020.
[Febreiro, 2021]