(1957 - 2004)

Luísa
Villalta

A Coruña, 1957-2004. Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole.

Dentro do ámbito da poesía publicou os libros Música Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), En concreto (2004) e Papagaio (2006, póstumo) ademais de textos e colaboracións en diferentes medios, antoloxías, publicacións periódicas, revistas na web etc. Participou regularmente en recitais e actos de espallamento da poesía galega tanto na Galiza como no exterior.

A súa actividade literaria estendeuse sen embargo a outros ámbitos criativos, dos que podemos destacar o da narrativa, con libros como Silencio, ensaiamos (1992), as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e tamén do teatro, xénero para o que escrebeu os textos Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999).

Licenciada nas Filoloxías Galego-portuguesa e Hispánica, tamén se ten revelado como asidua analista e intérprete da literatura nos libros ensaísticos O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) O outro lado da música, a poesía (1999), no que traza unha orixinal visión da poesía galega desde o ponto de vista da relación ancestral desta arte coa música. Titulada en violino, escribiu así mesmo artigos e ensaios sobre estética e comunicación musical en xornais, revistas etc.

Como intelectual preocupada polo devir da literatura en xeral e da cultura galega en particular, participou nas actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en calidade de vogal, coordinou a "Área de Revisión histórica e análise crítica da cultura" no Foro da Cultura Galega, para alén de impartir seminarios, conferencias e publicar numerosos artigos en revistas periódicas tanto de ámbito galego, como foráneo entre as que cabe citar Man comun, Grial, A Festa da palabra silenciada, A Trabe de Ouro, Mundo Lusófono, Agália, Tempos Novos, Página abierta, etc... Igualmente foi frecuente a súa participación en actos, recitais poéticos, mesas redondas, debates e pronunciamentos públicos en favor da defensa e consolidación da lingua e a cultura galega como expresión xenuína de Galiza.

Algunhas referencias e comentarios á súa obra en Portugal:

- [1998] GUIMARÃES, Fernando Martinho, Luísa Villalta e os descaminhos da poesia in Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, Xunta de Galicia.

- [2001] BERNARDEZ, Carlos, Poesia Galega in Jornal de Letras, Artes e Ideias, Ano XXI nº 802, 27 de Junho a 10 de Julho.

[Setembro, 2001]