Francisco
Castro

Vigo (1966). Escritor e Director Xeral da Editorial Galaxia dende decembro de 2016. Desde o ano 2003 imparte Obradoiros Literarios para todos os chanzos de idade. Dentro da súa produción literaria podemos destacar, entre outros Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997), os libros de relatos A canción do náufrago (2001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001) e a novela histórica Memorial do infortunio (2003), traducida ao castelán, Xeración perdida (2004), premio “Cartafol de Vieiros ao mellor libro do ano” e os libros para mozos Un bosque cheo de faias (2004) e O ceo dos afogados (2007), distinguidos ambos os dous co premio Frei Martín Sarmiento que conceden escolares de toda Galicia. No ano 1999 foi Premio de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela", no 2002 obtivo "O Facho" de poesía pola obra Matar a Walt Whitman moitas veces e en 2005 o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo relato "Venres Desesperado (look casual friday)" e o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo traballo "Ningún fascista morreu inxustamente". Premio Blanco Amor de Novela (2005) pola novela Spam (traducida ao italiano e ao castelán), coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán no 2006 e Premio de Novela Manuel García Barros 2007 pola novela As palabras da néboa. Abriu en Internet un dos primeiros blogs de autor dedicados ao debate literario e a información cultural (http://franciscocastro.blogaliza.org). Ten publicados 21 libros entre os que destacan a novela para pequechos Chamádeme Simbad (2009) que entrou na Lista de Honra do IBBY 2012 e recibiu o premio como Mellor Libro Infantil na web ‘Fervenzas Literarias’ outorgado polos lectores/as (traducida ao castelán, catalán e portugués de Brasil) así como o Frei Martín Sarmiento de 2011, e, para un público máis xuvenil, O segredo de Marco Polo (2010), traducida tamén ao catalán. Foi Presidente de Gálix entre 2010 e 2014. No ano 2011 publica unha nova novela para adultos titulada In Vino Veritas, e en 2012, asina, con Fina Casalderrey, o libro de relatos O neno can (seleccionado na Lista do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais de Oslo, premio Frei Martín Sarmiento 2014), tamén traducida ao castelán e, en breve, ao catalán e tamén Premio Frei Martín Sarmiento e incluido na Lista de Honra CLIJ 2014. En 2013, a súa novela O corazón da Branca de Neve gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (traducido ao catalán en 2015). Recentemente publicou, en 2014, a novela xuvenil Tes ata as 10 (Premio Frei Martín Sarmiento 2016) e en 2016, Amor é unha palabra coma outra calquera. En 2018 a novela xuvenil Iridium. E en 2020 Tantos anos de silencio. Na actualidade é comentarista político na TVG e na RG así como na prensa catalá e en La Voz de Galicia.

[Febreiro, 2021]