Cesáreo
Sánchez

Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra, principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición, colaborando na formación da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Traballou na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia.

A súa poesía, varias veces premiada, caracterízase por unha elaboración en chave simbolista e evocativa, realizada en versos breves. Está considerado un dos nomes máis relevantes da promoción poética da década de 80.

Despois de participar en diversos Consellos Directivos da AELG, desde 2005 é o presidente da entidade.

[Novembro, 2020]

AUTOPOÉTICA

Nas poéticas que, creo, habitan a miña poesía, busquei o que forma parte de min e descoñezo e aquilo que non forma parte de min e aínda sigo a buscar.
Desenvolvín a miña escrita no arredor do silencio, no arredor da memoria, en diálogo coa terra que alenta cíclica e enigmática e me ofrece os seus camiños. A que sempre parte e permanece. Procureime en todo o que me levase ao poema e, díxeno nun meu verso: Ninguén escrebe fora da súa propia vida.
Desenvolvéronse os meus poemas nas máis diversas formas de coñecemento. Aínda así, para me poder aproximar a unha poética, convocaría outro verso meu: Escrebo como amo.
Cando, perdido, busquei, busqueime nos territorios da infancia. Para, de cando en vez, desandar o camiño andado e volver atopar o lugar onde me perdín. Arredor das escritas do silencio, da luz, busquei as sombras miñas no seu paraíso. Aquelas que, efémeras, néganse a ser apreendidas.
A miña poesía é unha viaxe, sempre inacabada, sempre a comezar, na que ando a desaprender, a me denudar das poucas certezas que posúo.
Déixome atraer polo canto das sereas para que me leven da mao ás profundidades do insondable feminino.
Escrebo para tan só ficar nas maos miñas o dourado pó da bolboreta do poema que xa partiu.

[Setembro, 2018]