FERNÁNDEZ ABELLA, XOÁN XOSÉ
Naceu en Monforte de Lemos o 11/09/1933. Mestre -xa xubilado- e Licenciado en Dereito. Antes de emigrar do 1966 ó 1972 a Venezuela, publicara artigos en La hoja del lunes e La Región de Ourense, sobre Ortega y Gasset e Xaime Quesada; e o seu "Soneto a un humildre ciprés en cementerio" foi incluído en Antología Poética 1957, de Ediciones Rumbos de Barcelona, publicado en Fin de Semana (Ourense), e recitado polo autor en Radio Ourense. No 1962 participou nun recital colectivo en Ourense con Antón Tovar, Carlos Casares, Matilde Lloria, Pepe Romero, etc. Xa en Venezuela publica do 1968 ó 1970 poemas en Irmandade da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, e participa na emisión radial Sempre en Galiza, de Radiodifusora Venezuela de Caracas, recitando poemas propios e alleos, e lendo traballos en prosa sobre Galicia. Regresa á Terra no 1972. Ten publicados poemas no semanario La Voz de Ortigueira, nas revistas Ortegal, Ateneo Ferrolán, Poesía Galicia (Ferrol), Dorna, Encrucillada, Xistral, Técula, Poemas do arco da Vella, Chorima, San Martiño, etc. e nos xornais, O Correo Galego, Galicia Hoxe, O Norte de Negreira, Tabeirós Terra de A Estrada, e a folla literaria estradense Augasverso, e artigos, estes sempre en galego, en La Voz de Ortigueira, Encrucillada, Arros e El Correo Gallego. Así, por exemplo, en agosto do 2008, na revista Irimia, Alonso Blanco Torrado reproduce o soneto que Abella lle adicou en vida, o 30 de Xuño de 2002, A Gustavo Santiago Valencia, ou na revista Guieiros publicada por Xermolos, número 10, no 2005, onde lle adica un poema "A Paco Corral, In Memoriam".
Do 89 ó 91 foi membro do Comité Organizador da Universidade Popular de Ortigueira. Ten dado recitais individuais, por radio e televisión, e colectivos, en Venezuela, Galicia, Andalucía e Portugal. Ten adicado moito tempo á animación cultural, xa en presentacións, xurados, mesas redondas, dirixindo teatro ou dando conferencias.
O seu "Canto á Terra" foi musicado por Martínez Vieito, e cantado pola soprano Dolores Cava, con López de Saa ó piano, no 1981 en Monforte. Na súa versión a cinco voces cantouno a Coral Polifónica Ortegana, dirixida por Hixinio Rodríguez López, no ano 1989 na Universidade Popular de Ortigueira.
Pertenceu á SAF (Sociedade de Artistas Ferroláns), AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Fundación Castelao, Fundación Alexandre Bóveda, Museo do Pobo Galego, Asociación Teenses pola Igualdade, Amnistía ínternacional, Cruz Vermella, Cristianisme i Justícia, Academia Real Isaac Díaz Pardo e Asociación de Amigos De Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.
Fixo a presentación do pintor Vicente Eyré na exposición no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela o 1 de Xuño de 2000, onde ademais recitou un soneto dedicado a el, soneto reproducido nun catálogo posterior sobre a súa pintura. Máis tarde, co gallo da exposición que fai no Hotel Convento I de Coreses (Zamora), o 8 de decembro do 2001, volve a presentalo e o poema escrito en galego titulado "A Vicente Eyré", tradúceo ó castelán, rematando con isto a súa intervención.
E, ademais, participou no proxecto audiovisual da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Escritores en 1ª Persoa, 2005, recitando un poema propio e outro de Cabanillas, cunha entrevista previa.
[Agosto, 2023]