Nacín Piscis, Peixes, digo, na Avenida de Raxoi, 16-2º, de Santiago de Compostela, o 11 de marzo de 1945 coa misión de poñer paz no mundo. En seis meses, nun plis-plas, como quen di, rematei a segunda guerra mundial. ¡Panda de bárbaros! Nacín, pois, a pé de catedral, e a que agora se chama Praza do Obradoiro, pero que de pequenos chamabamos polo seu nome máis propio Plaza del Hospital, deturpado polo franquismo, que obrigou a chamala Plaza de España, foi o meu patio de infancia. Por alí vin pasar o mundo enteiro, variopinto e multicultural.
Inesquecíbel a campá Berenguela. Eu non podo olvidar os miles de badaladas que, como chupinazos de aire grave e rouco, caían a cachón sobre as nosas cabezas de nenos dobremente posguerrados, sempre sorprendidos polo primeiro mazazo para despois continuar en ondas espesas e lentas nas que navegaban os nosos soños máis alá dos vales, das montañas e dos horizontes de Santiago.
Aquel era un son que comezaba cun choque violento, cun chasquido grave e xordo, como un chorro de aire ceibe por fin liberado despois de permanecer longamente reprimido. Era un estoupido que case daba no chan cos nosos corpos miúdos. Unha broma horaria que a nosa catedral, unha xiganta bonachona e amolada do seu propio volume, nos facía aos nenos para xogar ela tamén un pouco ata a hora en que definitivamente, e diríase que con máis forza ca nunca, nos avisaba de que era tarde... que xa estaba ben de xogar... que as nosas nais ían berrarnos..., e nos arrastraba, agarimosa pero enerxicamente, levándonos a todos a cadansúa casa na marea de bronce atlántico.
¡Berenguela! Alegre co sol, triste nos días grisallentos de chumbo e melancolía, pero sempre xenerosa e despilfarradora na súa gravidade, botando a chou as súas horas multiplicadas e repetidas por todas as terras da bisbarra, querendo cubrir o mundo, sobrevoando cabezas campesiñas queimadas na canícula ou enchoupadas pola chuvia, e mesmo tentando de chegar ao mariñeiro perdido ou náufrago.
Dende a galería do Leste a carón do seu cuarto, o neno miraba para a rúa e quedaba pasmado nas irisacións das pozas que os croios do enlousado acollían límpidas, coutándoas nos seus perfís de xeito que nelas se reflectían as casas do contorno e a enorme catedral multiplicada de granito, que se erguía unhas veces dourada e lixeira, ou pesada e gris outras, dende que el tiña memoria e melancolía, dúas cousas que se lle antollaba teren nacido con el. Os espellos de auga devolvíanlle entón a imaxe mellorada daquela paisaxe, familiar e aburrida pero sempre enigmática, que o neno atopaba cando erguía os ollos para tratar de adiviñar o sitio exacto de onde saían as badaladas de bronce que hora a hora lle entraban pola cabeza remoendo os seus mioliños cativos cheos de soños. Para tratar tamén de interpretar no lusco fusco, nas noitiñas tristísimas de inverno, o son agudo e algo deprimente, como unha lamentación ferida de campá miúda, que furaba a néboa da rúa ata chegar aos seus oídos de neno solitario e dicirlle algo que el non entendía. Moitos anos despois sabería que aquel son proviña do choque entre o peletre metálico e o ferro do xogo da chave na horta oculta aos ollos dos nenos nunha taberna das de antes, de pipotes e cheiro agre, onde os homes enredaban as súas miserias de posguerra.
Mira agora o neno antigo, cincuenta anos despois, as pedras da rúa e recorda as tardes daqueles agostos perdidos na memoria; agostos nos que non había para o neno praias nin ríos, nin merendas nin bicicletas nin patíns de rodas nin reloxios de pulso nin nada de nada, nin sequera amigos daqueles que lle contaban historias de sol e de area, e de praias, de luz e de mar. E as tardes dos agostos, vólvenselle agora violeta na lembranza.
Soaba o horrísono clarín do 'parte' de Radio Nacional e o neno veu vir dende a súa galería do Leste, alá polo final da rúa, tan longa na memoria e solitaria a aquela hora, dous tricornios flanqueando o farrapo dun home que, malia a súa evidente debilidade e o corpo maltratado, no deixaba de vociferar e de protestar, intentando inutilmente ceibarse das tenazas que o aprisoaban. Ao principio nada se lle entendía, pois a rúa facía o efecto dun gran tubo no que as reverberacións do son rebotando nas paredes impedían perfilar as frases con claridade. O grupo fora achegándose, e a perspectiva dende o alto, paulatinamente variable, anamórfica e como xiratoria, permitiulle ver claramente a escena do home esmagado non só polos enormes brazos dos gardacivís senón, sobre todo, por unhas alxemas que ao neno se lle antollaron mordendo cruelmente a pouca carne que restaba naqueles pulsos palidísimos e osudos. Foi entón, xusto ao pasar pola vertical da súa mirada, cando logrou percibir claramente, sen chegar a comprender o por qué, pero entendéndoas dende a súa pequena intuición, as palabras que aquel home pronunciaba e repetía con orgullo e dignidade: "Podrán encerrar mi cuerpo pero no mi pensamiento, porque el pensamiento es libre como los pájaros".
Esa é a miña autobiografía. Ese son eu. Todo o que veu despois foron circunstancias.
[Marzo, 2003]