Ramón VILLARES (1951) é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta institución universitaria desempeñou os cargos de Director de Departamento de Historia Contemporánea, Decano da Facultade de Xeografia e Historia (1986-1990) e Rector Magnífico (1990-1994). Foi Director en Galicia da UIMP (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega e Presidente do Consello da Cultura Galega.
Membro do Consello Asesor de diversas revistas especializadas, como Análise Social, Ler História, Ayer ou Historia Social, ten sido Presidente durante seis anos da Asociación Española de Historia Contemporánea. Consultor de diversos centros e axencias de investigación, españolas e estranxeiras, forma parte do Consello editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia (Madrid).
Especializado en historia social agraria, historiografía e historia intelectual, é autor de duas ducias de libros e de numerosos artigos e relatorios en congresos científicos e libros colectivos.
Entre as suas publicacións merecen salientarse libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI, 1982), Foros, frades e fidalgos (Edixións Xerais, 1982), Donos de seu. Estudios de historia agraria de Galicia (Sotelo Blanco Edicións, 1988), Señores y campesinos en la península ibérica (Critica/Consello da Cultura, 1991), Figuras da nación (E.Xerais, 1997), El mundo contemporáneo (Taurus, 2001) Historia de Galicia (Galaxia, 2004), Galicia, siglo XX (La Voz de Galicia, 2005), Clio nas ondas. De lugares, persoas e sazóns (tresCtres Editores, Santiago, 2007) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero Pedrayo/RAG, 2007).