21 de outubro de 2017
Co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega
Foto da actividade
Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas. 
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.

 

Con esta iniciativa da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, a Asociación quixo dar continuidade a unha colaboración coa Deputación de Lugo que pretende darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura e que axuda a converter a capital lucense nun referente neste ámbito. A xornada foi o sábado 21 de outubro de 2017 e tivo lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Contamos coas/cos relatoras/es Xulia Marqués Valea, Gonzalo Navaza, Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias, e mais cun faladoiro con Marcos Escudero (canteiro), no seguinte programa:

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10.30-11.30 Conferencia
Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego
Xulia Marqués Valea 
11.30-12.30 Conferencia
Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio
Isidro Novo
12.30-14.00 Mesa redonda
Saber o seu nome sen perder a súa voz
Xulia Marqués Valea e Isidro Novo.
Coordina: Antonio Reigosa
 
16.00-17.00 Conferencia
Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía
Mª Rosario Soto Arias
17.00-18.00 Conferencia
Toponimia e lendas
Gonzalo Navaza
18.00-19.30  Mesa redonda
O abecé do noso ADN simbólico-cultural
Mª Rosario Soto Arias e Gonzalo Navaza.
Coordina: Isidro Novo
19.30-20.30 Sesión práctica
Palabras con misterio: O Latín dos canteiros
Faladoiro con Marcos Escudero (canteiro)

 

Relatoras/es

Xulia Marqués Valea Licenciada en Filoloxía Hispánica (Galego-Portugués) e Filoloxía Románica (Francés). Doutora en Filoloxía Galega pola USC desde 2003, actualmente profesora de Lingua e Literatura Galega de Ensino Secundario no CPI de Vedra (A Coruña). Tamén é profesora de Lingua Francesa en excedencia. A súa tese de doutoramento leva por título A toponimia de Trabada (Lugo).

Con longa experiencia no ensino público, 29 cursos académicos, foi secretaria da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) entre 2005 e 2009 e secretaria da Revista Galega do Ensino desde 2004 a 2015.

Realizou labores de asesoría técnica na administración pública galega, na Dirección Xeral de Política Lingüística (2004-2009), na Secretaría Xeral de Educación (2005-2010) e na Secretaría Xeral de Política Lingüística (2010-2015). Colaborou na elaboración do “Protocolo para o estudo da toponimia”, parte do proxecto de innovación educativa “Polo monte. O monte e o desenvolvemento sostible” promovido polas consellerías de Presidencia, Educación, Medio Rural e Medio Ambiente.

É autora de numerosas publicacións como A toponimia na escola. Guía para a recolleita, catalogación e estudo dos nomes tradicionais de lugar (2003), Enredando nos antropónimos (2012), Antroponimizando. Proposta educativa dixital para traballar con nomes e apelidos na aula (2012), Enredando nos topónimos con Rodari (2008), A Literatura galega no xornal El Compostelano 1920-1946 (1999) e o xa mencionado A toponimia de Trabada (Lugo) (2004).

Son moitos os artigos e traballos monográficos da súa autoría publicados en diversas revistas especializadas sobre onomástica, toponimia e antroponimia. Participou como relatora en numerosos congresos, seminarios e xornadas, é autora ou coautora de material didáctico como “ATOPando Compostela. Xogo didáctico para escolares de ESO (2011) e “SALNÉS-XOGO”, pasatempo didáctico realizado pola Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés.

 

Isidro Novo De ascendencia mariñá, Isidro Novo é un lugués que agás pequenos parénteses sempre residiu na súa cidade de nacemento. O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 94, sería o seu primeiro libro individual. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de Can, un feixe de oito relatos, ademais do libro de poemas Dende unha nada núa.

No 99 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerían, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte. Tamén son obras súas o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010), o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010), así como a novela de terror Sinistra Deixa (2012).

Con varios autores participou no libro Homenaxe 1975-2015 Moncho Reboiras vive! e nas festas do Patrón do 2016 sae á rúa o libro Memorias do san Froilán  en cuxa elaboración participara con Antonio Reigosa e os asistentes ao Obradoiro  de Narración Oral patrocinado polo Concello de Lugo. Neste ano 2017, logo doutro catrenio sen publicar individualmente, ven a luz o poemario CO2 e a novela O tabú na traslenda.

En tempos fixo radio (Gomorritas e novas criaturas) na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 92 e 95). Ultimamente e co total apoio da AELG impulsou a sección de recuperación do idioma Palabras con memoria, visíbel na web da devandita asociación e que pasa das mil trescentas entradas.

 

 

Mª Rosario Soto Arias Licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC,  catedrática xubilada de Lingua galega e literatura no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, membro do Consello de Redacción da revista Cadernos de Fraseoloxía Galega, onde ten publicados varios artigos sobre fraseoloxía e paremioloxía.  Ademais, conta no seu haber con algúns traballos sobre folclore e mitoloxía de Galicia, concretamente sobre Roldán, sobre a raíña Lupa e sobre vilas asolagadas. É  coautora, xunto con Carme López Taboada, do Dicionario de Fraseoloxía Galega (Xerais, 2008), e autora de Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego  (Centro Ramón Piñeiro, 2003). E desde hai catro anos administra un blog (cazatesouros).

 

 

Gonzalo Navaza Escritor, tradutor, estudoso da toponimia, actor de teatro e profesor titular de Literatura na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Como escritor ten cultivado diversos xéneros. Dirixiu a elaboración dos dicionarios de galego da editorial Xerais no ano 1988, chegando a crear o máis vendido da historia do galego (O pequeno Xerais).

O seu labor de investigador da toponimia callou na publicación de Fitotoponimia galega, un voluminoso volume editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza onde analiza os topónimos do sueste galego procedentes de nomes de plantas. Neste campo de traballo tamén desenvolve a súa actividade na Asociación Galega de Onomástica (AGOn, onde xa colaborou na organización de dous congresos internacionais) e na Comisión de Toponimia, encargada oficialmente pola Xunta de Galicia de fixar as formas escritas dos topónimos de Galicia.

No ano 2012 incorporouse á Real Academia Galega como académico correspondente.

Forma parte do grupo de traballo que desenvolve o Paradigma da Continuidade Paleolítica para as orixes das linguas indoeuropeas

 


A seguir unha serie de artigos que Antonio Reigosa foi publicando en El Progreso previamente á celebración da Xornada, nos que foi avanzando algún dos contidos a tratar.
 
Palabras con memoria, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 27/09/2017)

Un días atrás o escritor Manuel Rivas dicía «A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento.» Reflexión moi certeira e necesaria pois, incluídas as definicións ao uso que traen os dicionarios, soemos pensar que a memoria é tan só unha facultade que permite reter mentalmente cousas pasadas. Pero non; a memoria, verbalizada, reflicte a percepción que temos do universo.
Soe suceder que este vivir acelerado provoque que, sen decatarnos, esquezamos o son e a música de moitas desas palabras que foron e son arrolo no devir das nosas vidas, así que para tratar de coñecer, recuperar ou actualizar a memoria desas palabras preparamos a décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo o 21 de outubro e que leva por título Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia.
A tal fin convocamos recoñecidas autoridades en toponimia, onomástica, lexicografía, fraseoloxía e incluso falantes dalgunha xerga para evocar esa memoria, esa sabedoría que atesouran as palabras que, tanto se as usamos coma se non, están impresas no noso mapa emocional e son ADN da nosa biografía individual e colectiva. Boa parte do que sabemos está rexistrado aí, no disco duro da alma-espírito das palabras.
Porén, a pesar do moito esquecido, seguimos vivindo rodeados de nomes cos seus significados. Os nomes da terra, dos camiños, das plantas, das fontes e dos ríos, das covas e das pedras, dos ventos e das estrelas, das néboas, das montañas ou do mar son rastros que deixamos. Os nomes dos obxectos, os dos males que padecemos, os nosos propios nomes e apelidos, incluídos os alcumes, gardan historias que contar, nacidas unhas no lonxincuo esplendor das vellas culturas e outras no íntimo da casa, aldea ou rúa, con significados concretos, case secretos.
Onde se chama Pena da Moura, un supoñer, é seguro que hai un relato dun ser encantado chamado así, Moura, que reside ou residiu por alí e que, se temos curiosidade, pode contarnos das crenzas relixiosas dos nosos tataravós. Onde lle din Fonte do Encanto, hai ou houbo encantados, e onde Pena da Vella aínda hai recordo dunha muller anciá, seguramente referido á mesma divindade que lle presta o nome ao Arco da Vella.
Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un ou máis nomes. Sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos, porque pisamos territorios nomeados. Socializámonos compartindo unha lingua ou varias, ás veces un argot exclusivo dun gremio ou dun oficio; son moreas de palabras que ao pronuncialas ou escribilas revelan quen somos, que gustos temos e tamén que territorios pisamos.
Para rematar permítanme unha brincadeira. Trátase dun conto de ampla difusión. O protagonista é un mozo que vai estudar fóra. Cando regresa, xeralmente aos poucos días pois é de capacidades limitadas, ve o pai traballando na eira cunha ferramenta. 
O mozo pregúntalle ao pai: Papá, como se chama iso? O pai, incrédulo, responde: Xa non te acordas? Non! E di o pai: Ponlle o pé enriba dos dentes! O mozo faino e, en consecuencia, recibe o golpe contundente do mango contra o propio dentame. 
Agora si; xa ten memoria, e dixo: Carallo, anciño, como me mancaches!
Un golpe de efecto simbólico para activar a memoria desas nosas palabras é o que pretendemos.

------

Os nomes da terrapor Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 24/10/2017)

Se vou, como fago de cando en cando, desde a casa onde nacín ata a Castro de Zoñán, apenas un quilómetro de distancia, teño que elaborar un mapa mental e rotulalo cunha morea de nomes propios que identifican a contorna do camiño que teño que pisar. Saio da casa de Ambrosio, de Carreiras ou a do Caminero, que está cabo doutras (de Xan do Campo, de Cabanas, de Patricio) no lugariño do Campo, un dos once núcleos que conforman (a maioría deshabitados) Zoñán. E sigo a orde pola que van aparecendo a dereita e esquerda leiras, prados, sebes, valados... e digo Sucampo, O Carballiño, O Camichao, A Cova, A Areosa, A Zarralla, As Cárcuas (as largas e as curtas), As Valiñas, O Couteiro, A Antigua, O Castro de Riba, A Costa Vella, O Carballo do Rego para, unha vez que cruzo o rego que se apelida como a aldea, e que corre cara as casas de San Cristovo, chegar á Croa que é como se chama de seu a coroa do castro que quero visitar. 
Se fixese a viaxe por outro camiño os nomes serían diferentes, e se andase todos os camiños do meu territorio da infancia xuntaría centos, pode que miles destes nomes e con eles rememoraría outros de propietarios, usos, orografía, arboredo... Canta riqueza a pesar de que esquezo os nomes propios particulares que se lles asignan a algunhas das parcelas por razóns de tipo familiar, de herdanza, de compra ou por outro motivo. Estes son os nomes da miña terra que é, coma todas, unha sucesión ininterrompida de microtopónimos. 
Hai máis de 40 anos publicouse na colección ‘O Moucho’ de Edicións Castrelos un libriño de Celso de Baión (Xosé Mª Álvarez Blázquez) con este título
Os nomes da terra. Desde entón esta parte da onomástica que estuda os nomes de lugar avanzou ata o punto de que hoxe en día contamos con obras de mérito da autoría de consumados especialistas como o desaparecido Nicandro Ares, ou como Carlos Vázquez García, autor do monográfico Toponimia do concello de Lugo, de edición recente. 
Na Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo o 21 de outubro próximo, contaremos coa presenza doutro recoñecido especialista, Gonzalo Navaza, que nos vai falar dunha parte deses nomes. “Toponimia e lendas”, un corpus inmenso derivado da intensa humanización, cando non dunha auténtica sacralización do noso territorio. 
Haberá, por tanto, ocasión para que relator e asistentes poñamos na palestra topónimos vinculados ao imaxinario como poden ser aquí na provincia de Lugo os de Ponte de Gatín, Triacastela, Pena Roldán, Alegrín, Salto do Can ... e tantos outros. 
A lenda do Demo e o ‘gatín’ que lle dá nome á ponte de Liber (Becerreá) é das máis coñecidas; a da orixe de Triacastela, tira ca estela, tamén. Se cadra non o son tanto a orixe de Pena Roldán, Os Vilares (Guitiriz), bautizado así por este heroe cando pasou en persoa por alí, ou a de Alegrín, areal de Suegos (O Vicedo), onde houbo vila agora asolagada por maldición divina.
En Saldanxe (A Pastoriza) hai un lugar que se chama Salto do Can. A nós díxonos Belén Chao, de Bretoña, que hai xa moito tempo houbo unha loita entre cans e lobos, e un dos cans deu un salto tan grande que saltou por enriba de todos os demais. Puidera ser! Por que non!

-----

Os nomes da xente, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 11/10/2017)

A maneira de chamarnos con nome e apelidos, aparte de distinguirnos dos demais e de dicir de quen somos fillos, non sempre foi así. Desde o costume romano dos tres nomes, tria nomina, (praenomem, nomen e cognomen) pasouse ao uso dun único nome na Alta Idade Media. A partir do século IX apareceu un segundo nome, que é o xerme ou orixe dos apelidos actuais, que podía ser o do pai, o da profesión ou cargo, o da orixe xeográfica ou xentilicio, o dun santo ou santa ou simplemente un alcume ou calidades, físicas ou morais, da persoa.
Nunha curta mostra que escollésemos de nomes e apelidos atopariámolos de orixes dispares, tal que grega, romana, hebrea, xermánica, árabe e, máis modernamente, anglosaxona ou francófona, nomes que nos chegan a través das migracións, da literatura ou do cine. É significativa a incorporación de nomes de orixe iberoamericana que se introduciron pola gran relación de xente nosa con esas terras e máis recentemente por influencia de seriais televisivos de certo éxito.
Na Baixa Idade Media abundaban en Galicia os Johan (Xoán), Afonso, Pedro, Rodrigo, Álvaro… para os homes. e Constança, Inés, Tareija (Tareixa), María, Maior, Leonor, Aldonza… para as mulleres.
A partir do século XV moitos nomes e apelidos castelanízanse; así Johan pasa a Juan, Eanes a Yáñez, Vilar ou Vilamor a Villar e Villamor como consecuencia da centralización política e conseguinte castelanización da administración a través de escribáns e cregos. Nos séculos seguintes chegan outros foráneos, estes por mor da instalación de novas industrias que no caso dos vascos –con oficios relacionados co ferro– e cataláns –principais impulsores da industria conserveira–, fan galegos apelidos como Artiaga, Gurriarán, Castañer ou Doménech.
Na actualidade predominan Laura, Andrea, Sara ou Alba xuntos aos exóticos Yaiza, Yessica, Iolanda e Ainhoa. En nomes masculinos abundan os Hadrián, David, Daniel e Alexandre pero tamén se escoita con certa frecuencia chamar por Richard, Elvis, Jhon ou Jairo.
O que non todo o mundo sabe é que foi a igrexa católica a que impuxo que se xeneralizase esta maneira de chamarnos. Foi a partir do Concilio de Trento, que rematou no ano 1563, cando se decidiu que os nomes fosen tomados do santoral oficial, e que se rexistrasen bautismos, vodas e defuncións cos apelidos do pai e da nai para diferenciar convenientemente as persoas entre si e, sobre todo, aos católicos dos protestantes. Mais, e a pesar desa obrigatoriedade de inscribir as persoas con eses datos nos libros parroquiais, no rural galego non se cumpriu con rigor ata o século XIX. Nas nosas aldeas aínda hoxe é frecuente na comunicación oral que se prescinda dos apelidos e que as persoas se coñezan polo nome de pía e polo da casa ou ascendentes, cando non o é tan só por un elocuente e sonoro alcuño. O Rexistro Civil público non aparece ata 1870.
Agardámosvos na Xornada a celebrar o 21 de outubro en Lugo. Dos nomes da xente falará con máis criterio a filóloga Xulia Marqués Valea, profesora con ampla experiencia en accións didácticas arredor da nosa onomástica, que nos ofrecerá o relatorio “Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego”.

-----

Palabras con misterio, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 18/10/2017)
Hai palabras, falas e ditos que andan arredor de nós e que a maioría non entendemos. Neste grupo están as xergas, moitos refráns e frases feitas de todo tipo, ademais de palabras esquecidas, de uso local ou profesional restrinxido, que nin sequera aparecen nos dicionarios galegos ao uso. Por iso, na Xornada de Literatura Oral tamén trataremos destas palabras que gardan un misterio, un enigma ou un segredo.
 “Ir e vir chámase carrear”, quere dicir que hai que ir facendo as cousas aos poucos e con xeito. En cambio, “A gata co apuro trouxo os fillos cegos” dá a entender que as présas non son boas. Tampouco convén confiarse pois “O mellor mariñeiro morre no mar”. En definitiva, o mellor é traballar para facer as cousas ben e non “Cantar no papo” (agardar que apareza feito) nin tampouco “Comer a figura” (insistir para que o que debera facer un o teñan que facer os demais).
Velaí estas combinacións de palabras, expresións que algunhas persoas usan na vida cotiá. Esta disciplina conta en Galicia con cualificados expertos como a profesora Mª Rosario Soto Arias que será quen tratará sobre a “Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía”.
Outro grupo de palabras con incógnita é o que nos vai achegar Isidro Novo na intervención “Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio”. Existe un numeroso grupo de palabras e acepcións que por diversas razóns non atoparon sitio nos dicionarios e que están en verdadeiro perigo de extinción. O propio Isidro é o responsable da sección “Palabras con Memoria”, accesible na web da AELG, co obxectivo de recuperar estes vocábulos esquecidos e poñelos ao servizo dos falantes.
Sirvan de exemplo “Urcado”, que se lle di por Valdeorrras a unha persoa posuída e perigosa; “Gandumiar”, verbo usado pola Fonsagrada cando se rouba con malas artes, ou “Lulú”, que é o que lle chaman os de Miño aos de Lugo cando van alí á praia polo verán. “Lulú” vén do “LU” das matrículas das coches.
Para rematar preparamos un faladoiro arredor dunha xerga ou xiria de orixe descoñecida chamada Verbo, Verbo Xido, Verbo dos Buxas, Verbo dos Arginas, Lacre dos Arginas, Ghalrrucio ou Latín dos Canteiros. Van intervir catro especialistas; Xesús Antón Gulías, investigador, e os canteiros Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.
Esta fala gremial, exclusiva dos canteiros dalgunhas bisbarras galegas, sobre todo de Terra de Montes e Bergantiños, usábana, segundo algunhas estimacións, un 20.000 individuos a principios do s. XX. Agora xa quedan moi poucos que a saiban e apenas teñen oportunidade para practicala. Aínda que non desapareceu de todo o oficio, a maneira de traballar a pedra mudou tanto que xa non hai ocasión, nin necesidade, de usar esta fala secreta coma fixeron ao longo de moitos séculos os nosos canteiros. 
“Verbo xido miña purria / que intervas por areona / heiche de aniscar os zuros / e mais rosmarche a morrona” cantaban os de Fuxan os Ventos hai case 40 anos! Se lles apetece vémonos para traducir ao galego coloquial esta copla e para aprender máis destas falas. Xa saben; a cita é o día 21 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo.


Obxectivos

  • Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relacion coa cultura popular tradicional.
  • Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender os valores da nosa cultura tradicional.
  • Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.

Contidos    

  • As Palabras con Memoria na Literatura de Tradición Oral (palabras esquecidas, toponimia relacionada coa mitoloxía popular, antropónimos, hidrónimos....)
  • Busca e identificación das Palabras con Memoria.
  • Explotación didáctica transversal das Palabras con Memoria, con especial incidencia nos contidos de Literatura de Tradición Oral.